As numerosas baixas forzan a cancelación do MWC

mércores, 12 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Varias das empresas que manifestaron que non acudirán ao MWC por mor do coronavirus están a acudir actualmente á feira ISE 2020 en Amsterdam, deixando claro que a súa cancelación foi totalmente arbitraria

Tras coñecerse que non acudirán ao Mobile World Congress as operadoras Vodafone, Deutsche Telekom, Orange, BT e NTT DoCoMo, a GSMA organizou unha xuntanza de urxencia do seu consello para decidir se cancelaba o MWC deste ano, e as numerosas desercións levaron finalmente a que a celebración do evento fose imposible.
No comunicado oficial de John Hoffman, máximo responsable de GSMA Limited, asegúrase que dende a entidade traballarán na celebración do MWC Barcelona 2021 e futuras edicións, ou sexa, que confirmaríase que non hai inteción de adiar o evento deste ano, senón que optan directamente pola súa cancelación.
Dende as autoridades locais insisten en que no existían razóns de saúde pública para non asistir ao MWC, polo que as decisións de non acudir por parte de numerosas empresas non parecen xustificadas, mentres que dende a GSMA coméntase que exerceron presións para que dende España se declarase unha emerxencia de saúde pública que puidese xustificar a cancelación do encontro internacional e cubrir parte das indemnizacións que terían que asumir coa cancelación xa que as empresas aseguradoras non cubren unha cancelación que responda a unha decisión arbitraria.
O rebumbio creado ao redor do MWC parece aínda máis ilóxico se temos en conta que esta mesma semana está a celebrarse a ISE 2020 en Amsterdam, unha feira internacional de integración audiovisual con máis de 1.300 expositores, dos que moitos veñen de China, que só está a experimentar unhas poucas cancelacións, principalmente de empresas chinesas, que probablemente tivesen problemas para desprazarse. Curiosamente a esta cita están a acudir compañías tecnolóxicas que cancelaron a súa participación no Mobile World Congress, pese a que as medidas de seguridade desta feira son moi semellantes ás que se adoptarán en Barcelona, e o volume de asistentes (uns 50.000) tamén fose moi elevado.
A cancelación do MWC será un duro golpe tanto para a cidade de Barcelona como para a GSMA (que terá que afrontar grandes perdas) e para o propio sector tecnolóxico, xa que este ano é moi importante para o espallamento do 5G, e a cita de Barcelona pretendía ser un dos lugares nos que se pechasen moitos acordos ao respecto entre compañías de todo o mundo.

PUBLICIDADE