As oportunidades de financiamento europeo en I+D+i, nos Galicia Innovation Days de FEUGA

luns, 4 de outubro do 2021 S. P.

Na recta final de outubro, a nosa terra vai estar máis ca nunca no epicentro da innovación europea. Estarao grazas ao evento Galicia Innovation Days, organizado por FEUGA e a Xunta con vocación e alcance claramente internacionais e destinado a “mostrar as oportunidades de financiamento europeo en materia de I+D+i”. As xornadas celebraranse en formato online do 25 ao 29 de outubro e contarán con expertos internacionais nos ámbitos da saúde, a enerxía, o medio ambiente, a agroalimentación e a industria.
Pacto Verde Europeo
O Pacto Verde Europeo (EU Green Deal) ten como obxectivo lograr que a economía europea sexa sustentábel e conseguir a neutralidade climática en 2050. Segundo nos lembra FEUGA é “a gran aposta da UE á que o programa Horizonte Europa dedica unha das liñas estratéxicas de financiamento á investigación e o desenvolvemento”. A importancia desta área terá o seu reflexo no evento internacional, Galicia Innovation Days, organizado pola Xunta de Galicia e FEUGA, que dedicará unha xornada completa a reflexionar sobre o clima, a enerxía e a mobilidade. Entre outras propostas, contará cunha mesa redonda na que expertos internacionais reflexionarán sobre como a Comisión Europea está a apoiar ese camiño cara á neutralidade climática.
Ademais, presentaranse proxectos innovadores que contan con axudas europeas. Entre os máis destacados atópase a análise dos aspectos sociais da transición ás enerxías limpas que investiga o proxecto Entrances, unha iniciativa da que forman parte catorce organizacións e que está coordinada pola Universidade da Coruña. Tamén o proxecto internacional Bac-To-Fuel que presentará os seus avances na investigación para a produción avanzada de biocombustíbeis renovábeis.
A presentación destes traballos internacionais, nos que participan grupos de investigación e innovación galegos, centrarán a sesión dedicada ao clima, a enerxía e a mobilidade do Galicia Innovation Days 2021, Towards Horizon Europe.
Un evento internacional e gratuíto
O evento internacional, organizado pola Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) e a Consellería de Cultura e Educación, é de carácter gratuíto e ten como obxectivo dar a coñecer as novas oportunidades de financiamento que se abren en Europa para os grupos de investigación e as empresas.
As xornadas celebraranse en formato online do 25 ao 29 de outubro e contarán con expertos internacionais nos ámbitos da saúde, a enerxía, o medio ambiente, a agroalimentación e a industria, entre outros. O evento, que abordará as distintas áreas temáticas do programa Horizonte Europa, contará con mesas redondas, conferencias, exposicións de proxectos, workshops e a posibilidade de establecer contactos entre os participantes.
Mesas redondas
A primeira mesa redonda preséntase baixo o título Mellora da calidade de vida e desafío do envellecemento saudábel. Os relatores, Willeke van Sataalduinen (AFEdemy), Beatriz Piñeiro (Galaria), Maribel Doval (UVigo) e Manuel Collado (IDIS), analizarán o desafío da inclusión das persoas maiores, o seu benestar e o envellecemento da sociedade. Como complemento desta primeira xornada, xa pola tarde, celebrarase unha sesión sobre a evolución, os casos de éxito e as oportunidades de Interreg en Galicia, así como unha xornada de traballo na que se explicarán os requisitos de divulgación, explotación e comunicación para proxectos de Horizonte Europa.
O cambio climático e a degradación ambiental son unha ameaza existencial para Europa e o mundo. Para superar estes desafíos, Europa lanza o Pacto Verde Europeo e, en liña coas súas prioridades, o Clúster 5 de Horizonte Europa ten o obxectivo de acelerar as transicións xemelgas verde e dixital e as transformacións asociadas á economía, industria e sociedade para lograr a neutralidade climática en Europa para 2050.
Para iso, o grupo de debate Como apoiar a transición cara a unha Europa climáticamente neutra? contará cos expertos Vicente Pérez Muñuzuri (CRETUS), Ettienne Vignali e Hans-Marin Neumann de SCALE, Komminos Angelakoglou (CERTH) e María Loureiro (ECOBAS). Seguindo a mesma liña temática celebrarase a mesa redonda Transformación dixital da industria da UE: cara a unha industria sustentábel, resiliente e centrada no ser humano.
FEUGA lembra que a área da Agroalimentación é outro dos puntos estratéxicos dentro do programa Horizonte Europa xa que “o coñecemento e a innovación son esenciais para conseguir un sector agrícola intelixente, resiliente e sustentábel”. Nesta liña, no grupo de debate PAC Post 2020 - Os sistemas de innovación do coñecemento agrícola explicará a importancia de fomentar a creación de ferramentas de coñecemento e innovación agrícolas sólidas para impulsar a iniciación e o desenvolvemento de proxectos de innovación e a difusión dos seus resultados. Unha mesa redonda na que participarán Inge Van Oost, responsábel de políticas de innovación e investigación na Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea (DG AGRI); a italiana Simona Cristián, do Consello de Investigación e Economía Agrícola (CREA); Mark Gibson, responsábel do departamento de Difusión e Innovación de TEAGASC, e a responsábel da área de Proxectos Europeos de FEUGA, Almudena Justo.
Por último, celebrarase a mesa redonda Terra, océanos e auga para a acción climática onde se tratará a necesidade de investigación para mellorar a comprensión dos impactos do cambio climático ou como reducir as emisións de GEI das prácticas agrícolas, entre outros aspectos que desenvolverán relatores como Sebastián Vilasante, da USC e Aris Karageorgis, director do Instituto de Oceanografía-HCMR.
Ideas inspiradoras
As xornadas de Galicia Innovation Days complementaranse con ideas inspiradoras, onde se presentarán proxectos que xa se están levando a cabo e que contan con axudas europeas. Na primeira sesión, Estratexias para combater o cancro, Anxo Carracedo (USC) presentará os avances en B-CAST, investigación sobre a ratificación do cancro de mama, e Isabel Pastoriza (UVigo) exporá o proxecto BioCellPhe.
No ámbito do clima, a enerxía e a mobilidade, contan con financiamento europeo traballos sobre Aspectos sociais da transición a ás enerxías limpas, Produción avanzada de biocombustíbeis renovábeis e Aumentar a resiliencia das infraestruturas de transporte terrestre. Todos eles protagonizarán unha xornada na que presentarán os resultados obtidos até o momento e as súas posibilidades de continuidade.
Nas ideas inspiradoras sobre agricultura e clima presentaranse os proxectos CO-UDlabs sobre a construción de comunidades colaborativas de laboratorios de investigación de drenaxe urbana, e SoildiverAgro sobre a mellora da biodiversidade do chan nos agroecosistemas europeos.
Galicia Innovations Days completarase coa presenza de destacados relatores internacionais, o asesoramento dos puntos de contacto nacionais e a posibilidade de que os asistentes poidan celebrar reunións individuais para buscar novas sinerxías ante as oportunidades que abren as novas convocatorias do programa Horizonte Europa.
O programa completo, na web de Galicia Innovation Days. Tamén podemos facer o rexistro.

PUBLICIDADE