As páxinas web do Concello de Brión superaron as 100.000 visitas en 2011

mércores, 11 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

O Concello coruñés de Brión vén de facer reconto das visitas recibidas ao longo do pasado ano nas tres páxinas web que ten operativas na actualidade, e para sorpresa dos seus responsables, entre todas sumaron un total de 100.971 visitas, un 34,8% mais que no ano 2010.
Estas cifras, malia que nunha primeira ollada non semellan saír do común, o certo é que son realmente asombrosas posto que a media mensual de visitas recibidas foi de 8.414, unha cifra que supera o número de veciños e veciñas que ten o concello, uns 7.562, o que dá mostra, segundo os seus responsables, “de como está a avanzar a Sociedade da Información en Brión”.
Segundo afirman dende a entidade pública, a web máis visitada volve a ser a web municipal (www.concellodebrion.org) con 30.787 visitas, “malia que supón unhas 2.000 visitas menos con respecto ao ano 2010”, admiten.
Aínda así, o técnico en Novas Tecnoloxías de Brión, Xulio Mallo, explica que “esta cifra débese a distribución que se produce nas visitas, xa que os visitantes en vez de buscar información xenérica na web municipal optan por unha máis personalizada nos blogs temáticos que o Concello ten a disposición da cidadanía para áreas como Mocidade e Voluntariado, Escola de Música, Servizo de emerxencias, Carreira Pedestre, Romaría de Santa Minia, Festa do Cabalo, Viaxes da Mocidade e BrionTV”.
Outras webs dependentes da entidade pública como Infobrion.com ou Briondixital, mantiveron o seu número de visitantes ao longo do pasado ano, algo que os seus responsables atribúen ás seccións a da revista Altamira, onde se poder ler a revista municipal en liña, e á bolsa de emprego, onde acceden os veciños e veciñas que están a buscar traballo.
O pago de taxas on-line ou as novas máis interesantes recollidas en infobrion.com foron outras das seccións que máis visitas rexistraron nas devanditas webs.
Estes blogs xeraron durante 2011 un tráfico web de 50.000 visitantes.
E é que este concello non ten parada no tocante ás novas tecnoloxías, e durante o ano 2011 puxeron en marcha iniciativas como a utilización dos códigos QR nas comunicacións cos veciños, e crearon os blogs do Servizo de Emerxencias municipal e da Escola de música, do que demos detallada conta en Código Cero.
Tamén abriron unha conta de seu en Twitter (que xa conta con 102 seguidores) e mantiveron ao día a antiga conta de Facebook, onde se xuntan xa máis de 2.265 amigos e amigas.

PUBLICIDADE