As salas de Messenger chegan a Instagram

xoves, 21 de maio do 2020 Marcus Fernández

A resposta de Facebook ao éxito de Zoom, as Messenger Rooms que permiten videoconferencias en grupo con até 50 participantes simultáneos e sen límite de tempo, chegaron ao poucos días a Facebook e Messenger, e a súa promesa de abrirse ao resto de aplicacións da compañía non está a facerse agardar, e dende Instagram xa están a activar a posibilidade de iniciar salas de Messenger dende a sección de mensaxes directas da aplicación. Deste xeito, a sección de mensaxería de Instagram pode ser unha porta á nova plataforma de encontros de vídeo que busca trunfar grazas ás súas posibilidades de estar presente en moitos ámbitos e a través de distintas aplicacións móbiles.
No caso de WhatsApp, a aplicación xa mudou as súas videoconferencias en grupo para incrementar o seu máximo de participantes de 4 a 8, pero no caso de querer facer conversas con aínda máis interlocutores tamén teremos a posibilidade de formar una sala de Messenger, funcionalidade que xa está en probas, de xeito que poderiamos vela en funcionamento en breve (aínda que cómpre lembrar que as ligazóns para entrar nunha sala de Messenger poden compartirse sen problema dende o primeiro momento).

PUBLICIDADE