As subscricións de 12 meses a PS Plus recibirán o xogo Star Wars: Battlefront

venres, 2 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Para animar aos posuidores de PlayStation 4 a adquirir unha subscrición de 12 meses a PlayStation Plus durante este mes está dispoñible unha atractiva promoción que consiste en premiar as novas subscricións cun código de descarga dixital do xogo Star Wars: Battlefront na súa Ultimate Edition, que aparte do xogo orixinal inclúe 4 das súas expansións descargables, de xeito que en total téñense máis de 30 mapas, 14 heroes e 14 modos de xogo.
Esta versión de Star Wars: Battlefront tamén permite gozar de 11 armas da franquía e acceder a 24 Star Cards de mellora para empregar no campo de batalla. Un xogo bastante completo que animará a moitos a facerse coa súa secuela, que ten previsto o seu lanzamento para o 17 de novembro deste mesmo ano.
Os usuarios que se subscriban a PlayStation Plus (o que permite xogar en liña en PS4 e recibir 6 xogos descargables ao mes) recibirán o código de descarga de Battlefront por correo electrónico entre 5 e 10 días despois da compra da subscrición, aínda que cómpre advertir que a promoción non só ten unha limitación de tempo, senón tamén de unidades dispoñibles, polo que é posible que se remate antes da data límite.

PUBLICIDADE