As tarifas Fusión de Movistar suben de prezo

venres, 24 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Aínda que outros anos puidemos ver como moitas compañías de telecomunicacións subían as súas tarifas o 1 de xaneiro, este ano parece que adiaron os cambios de prezos, pero non moito, xa que o vindeiro 5 de marzo entran en vigor novas tarifas Fusión de Movistar con subas de prezo de até 6 euros/mes, o que podería levar a que os seus competidores fixesen o mesmo, como aconteceu en pasadas ocasións.
Como exemplos desta suba temos que Movistar Fusión 0 pasa a custar 53 euros/mes con fibra de 100 Mbps ou 60 euros con 600 Mbps, mentres que Fusión Base sube até os 67 euros con fibra de 100 Mbps e até os 75 euros con fibra de 600 Mbps, ou sexa que en ambos casos o incremento de prezo sería de 3 euros, compensando aos usuarios cun incremento do volume de datos nas súas liñas móbiles (táctica habitual nos operadores para camuflar as súas de prezo como melloras do servizo).
A tarifa Fusión Selección incrementaría en 4 euros o seu prezo mensual, pasando a custar 89 euros para fibra de 100 Mbps e 99 euros para fibra de 600 Mbps; incremento que tamén tería Fusión Selección Plus. Tamén habería que sumar un euro adicional aos paquetes que inclúen Netflix para 2 pantallas e 2 euros máis cando inclúen a versión para 4 pantallas (ou sexa, que Movistar aplica agora a subida de prezos que Netflix realizou o pasado verán). Deste xeito habería clientes que verían a súa tarifa mensual incrementada en 6 euros.

PUBLICIDADE