As unidades LaCie 2big Dock Thunderbolt 3 ofrecerán até 20 TB de capacidade

xoves, 20 de abril do 2017 Marcus Fernández

Os profesionais que precisen de grandes capacidades de almacenamento teñen agora unha nova opción da man de LaCie, compañía que ven de anunciar o 2big Dock Thunderbolt 3 con capacidades de 12, 16 e 20 TB, que integra no seu interior un par de discos duros Seagate IronWolf Pro en modo RAID, conseguindo tanto grande capacidade como velocidade (até 440 MB por segundo), de xeito que é ideal para profesionais de vídeo en ultra alta definición e fotógrafos que traballen con ficheiros de grande tamaño.
O 2big Dock Thunderbolt 3 é un produto moi completo, que conta na súa parte frontal cun porto USB 3.0 e un par de rañuras para tarxetas de memoria SD e CF (deixando clara a súa intención de resultar de utilidade para profesionais do vídeo e a imaxe), mentres que na súa parte traseira integra dobre porto Thunderbolt 3 (o que permite achegar enerxía a equipos portátiles e conectar simultaneamente até 5 unidades LaCie 2big adicionais ou outras solucións con Thunderbolt ou USB-C), un porto USB 3.1 (en formato USB-C, incluíndo tamén un cable adaptador ao anterior formato de USB) e DisplayPort para conectar a monitores.
Estas novas unidades sairán á venda no verán a un prezo por determinar, pero non podemos esperar que sexa un produto económico, xa que o seu antecesor, o 2big Dock Thunderbolt 2, está dispoñible en capacidades de entre 6 e 12 TB a prezos de entre 575 e 779 euros.

PUBLICIDADE