As unidades Samsung SSD 980 Pro incluirán disipador coa vista posta na PS5

xoves, 16 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Esta semana as consolas PlayStation 5 recibiron a actualización oficial que activa a posibilidade de ampliar a súa capacidade interna mediante unidades SSD M.2, e hai fabricantes que están a telo moi en conta, como Samsung, que xa etiqueta como compatibles coa PS5 a unidades como a popular Samsung SSD 980 Pro (con até 7.000 MB/s de velocidade de lectura e até 5.000 MB/s de velocidade de escritura), aínda que parece recomendable agardar a facer tal adquisición, xa que Samsung tería confirmado que xa hai disipadores que poden adherirse ás súas unidades SSD respectando as pautas marcas por Sony para a súa instalación na PS5 e incluso teñen previsto pór á venda antes de rematar o ano versións das unidades SSD 980 Pro co disipador incluído.
Dado que a refrixeración das consolas é unha das súas grandes problemáticas, e as unidades SSD poden chegar até os 70 graos centígrados, incorporarlles un disipador que facilite a súa refrixeración é moi recomendable, especialmente durante a realización de tarefas intensivas, garantindo así un bo rendemento (pois ante problemas de refrixeración as unidades reducen a súa velocidade para evitar danos).

PUBLICIDADE