As vantaxes das TIC, ao descuberto no encontro que organiza @asLAN o vindeiro martes na Coruña

venres, 24 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

O hotel Hesperia da Coruña, sede da xuntanza

A asociación @asLAN chega á Coruña este martes 28 para establecer contacto cos profesionais galegos en materia de colaboración tecnolóxico-dixital e para informar en detalle das innovacións de vangarda en materia de empresa e administracións. A cita, que está apoiada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación e máis AGESTIC, forma parte da sexta edición da xira estatal de @asLAN. A xuntanza vaise celebrar no Hotel Hesperia Finisterre da Coruña, e no programa inclúense unha serie de relatorios a cargo dalgúns dos máis salientables provedores do sector TIC en España.
A cita da Coruña, que xa tivo entregas previas e que colle corpo despois de terse visitado Bilbao, Sevilla e Valencia, conta co patrocinio de firmas punteiras como HP, Panasonic, Sophos, Trend Micro, APC e Codine. Estas e outras compañías como Allot, Alvarion, Blue Coat ou Flytech, son tamén as encargadas de darlle forma aos relatorios e presentacións ao longo de toda a xira, procurando en todo intre “amosar o que a tecnoloxía pode facer pola empresa”.
A entidade organizadora deste evento, integrada por compañías estatais do eido das redes e as telecomunicacións, quere convocar con esta xira ao meirande número de directivos e profesionais da empresa e as administracións públicas. Máis polo miúdo e segundo se informa na web de @asLAN e na da asociación galega Eganet, esta sexta edición do Tour ofrece “a oportunidade de coñecer novas tecnoloxías, formas de expor as infraestruturas e modelos de negocio, amais de novos xeitos de compartir experiencias de valor con outros profesionais”.
As actividades dará comezo ás 9 horas, estando previsto 10 minutos máis tarde o acto de apertura, que contará cun representante da Xunta de Galicia aínda por desvelar.
Entre os relatores da xornada atópanse Enrique Birlanga, xerente de desenvolvemento de Negocio de APC, Juan José Roncero, de Allied Telesis, ou Miguel Cordón, responsable comercial Madrid e Noroeste de HP Networking. Tamén está previsto que participen Santiago Martin (Panasonic), Juan Toboso (Codine), Eduardo Vales (Flytech), Raymond Florado (Alvarion), Javier Gómez (Meru Networks) ou Miguel Ángel Guerra (D-Link), entre outros moitos profesionais das TIC.

PUBLICIDADE