Asphalt 8 para iOS permitirá retransmitir as partidas mediante streaming

martes, 18 de marzo do 2014 Marcus Fernández

En ordenadores persoais e nas consolas de videoxogos domésticas de nova xeración é posible facer uso de servizos como Twitch para transmitir en directo a través da Internet mediante streaming as nosas partidas a videoxogos, permitindo que poidan seguirse por parte de usuarios de todo o mundo, e agora este tipo de experiencia está lista para poder trasladarse a dispositivos móbiles, anunciando Gameloft que a vindeira actualización de Asphalt 8 para iOS vai aproveitar o SDK de Twitch Mobile.
Isto quere dicir que os xogadores de Asphalt 8 poderán retransmitir as súas partidas a través da Internet, interactuar cos seus espectadores a través de chats, falar con eles a través da cámara do dispositivo móbil e incluso aproveitar a cámara frontal do trebello para dar ás retransmisións un toque máis persoal. Este novo servizo estará dispoñible para usuarios actuais de Twitch, sendo posible darse de alta dende o propio xogo de Gameloft.
A actualización do xogo tamén aproveitarase para incorporar novo contido como 6 novas pistas ambientadas en China e novos vehículos (2014 McLaren P1, Ferrari Testarossa, Dodge Challenger e 2014 Ford F-150).


Vídeo de exemplo dunha retransmisión do xogo a través de Twitch

PUBLICIDADE