Assassin’s Creed IV: Black Flag sairá á venda en 2 semanas

martes, 15 de outubro do 2013 Marcus Fernández

A só dúas semanas da chegada ás tendas das versión para Xbox 360, PlayStation 3 e Wii U do xogo Assassin’s Creed IV: Black Flag, Ubisoft estrea versión en español dun trailer do xogo no que se amosan os motivos que levaron a Edward Kenway a pasar de ser un pirata a converterse nun asasino, aventura que permitirá que aparte dun xogo de intriga e conspiracións, poidamos tamén movernos nun mundo no que buscar tesouros e realizar batallas navais no que promete ser unha intensa entrega desta saga.
O día 29 será cando o xogo vexa a luz nas actuais consolas domésticas, para estrearse nas súas versión de PC, PlayStation 4 e Xbox One o vindeiro 22 de novembro, data que pode resultar un tanto sorprendente por coincidir coa chegada da Xbox One, pero ser unha semana antes da posta á venda da PlayStation 4.
Dende Ubisoft tamén detallan que unha das grandes novidades do xogo será que experimentaremos progreso durante o mesmo, precisamente polo mencionado feito de que o protagonista comezará sendo un pirata, de xeito que as súas habilidades de asasino irán evolucionando co paso do tempo. Incluso o barco pirata terá que ir equipándose para poder baterse con navíos inicialmente superiores, melloras que iranse producindo dun xeito natural e divertido, levando este tipo de avance a un nivel superior ás anteriores entregas da saga.


Novo trailer de Assassin’s Creed IV: Black Flag

PUBLICIDADE