Asus integra un ordenador nun teclado

xoves, 8 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Dende Asustek non paran de explotar a súa marca Eee nacida do ultraportátil de baixo custo máis coñecido do mundo, e o último produto que anuncian que a utilizará será o Eee Keyboard, que sería un teclado completo que integraría altofalantes, micrófono, unha pantalla táctil de 5 polgadas, Ethernet, Wi-Fi e, en definitiva, un ordenador completo sen superar o quilogramo de peso (aínda que cun grosor maior que os teclados actuais).
Aínda non se coñece a memoria nin o procesador co que contará este orixinal ordenador (que opta por integrarse no teclado en vez de na pantalla) e que destaca por facer uso de tecnoloxía HDMI sen fíos, o que podería ser unha solución ideal para ver contidos propios do ordenador nun televisor de alta definición.
Polo momento só se trata dun prototipo que se presentou no CES de La Vegas, pero dende Asustek aseguran que está moi próximo do produto final, confirmando que vaise fabricar en masa.

PUBLICIDADE