Asus presenta 2 novos monitores USB

venres, 4 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Asus presentou os novos monitores Asus VW223B e VW202B (de 22 e 20 polgadas) que permiten a transmisión de vídeo dixital dende o ordenador ata a 6 monitores LCD a través de USB 2.0 e se venderán a 249 e 219 euros respectivamente.
Con estas novas pantallas pretende facilitarse a creación de contornos multimonitor (que normalmente precisa de varias tarxetas gráficas adicionais) e que cos novos monitores de Asus só precisa da instalación dun controlador EzLink que permite expandir o escritorio do ordenador a varios monitores conectados por USB (volvendo á situación inicial se desconectamos as pantallas do ordenador).
As pantallas poden funcionar a unha resolución de ata 1.680 x 1.050 píxeles, teñen unha luminosidade de 300 cd/m2, unha relación de contraste 1.000:1 (e contraste dinámico de ata 3.000:1), un ángulo de visión horizontal de 170 graos e vertical de 160 graos, un tempo de resposta de 5 ms e, no caso do monitor de 22 polgadas, un concentrador USB de 3 portos.

PUBLICIDADE