Asus presenta móbiles con dobre cámara frontal e traseira

venres, 18 de agosto do 2017 Marcus Fernández

A nova xeración de smartphones de Asus vén de amosarse en sociedade, e a liña ZenFone 4 non é precisamente cativa, senón que chegará en catro variantes: o ZenFone 4 Pro, o ZenFone 4, o ZenFone 4 Selfie Pro e o ZenFone 4 Selfie. Unha vez máis a compañía taiwanesa insiste na calidade da cámara dos seus móbiles, que desta volta presumen de ser os primeiros en contar con dobre cámara frontal e traseira, conseguindo así adaptarse a moitos máis escenarios nos que disparar unha instantánea con calidade.
O Asus ZenFone 4 Pro será todo un móbil insignia, cun procesador Qualcomm Snapdragon 835, 6 GB de RAM, até 128 GB de almacenamento interno e unha cámara traseira dobre con sensor Sony IMX362 de 16 Mpíxeles con apertura f/1.7 e unha capacidade de zoom de até 10x. Para a cámara frontal confórmase cunha cámara simple con apertura f/1.9, a súa batería de 3.600 mAh conta con carga rápida (con 5 minutos de carga permite falar por teléfono 2 horas), ten unha pantalla AMOLED Full HD e tamén inclúe NFC e lector de pegadas (para facilitar os pagamentos co móbil).
O Asus ZenFone 4 será máis modesto, conformándose cun procesador Qualcomm Snapdragon 630/660, 4/6 GB de RAM, 64 Gb de almacenamento, cámara dual con apertura f/1.8 e batería de 3.300 mAh.
Pero os móbiles máis rechamantes serían os novos Selfie, como o ZenFone 4 Selfie Pro, que aínda que se conforme cun procesador Qualcomm Snapdragon 625, ¾ GB de RAM e 64 GB de almacenamento, presume de dobre cámara frontal para selfies. A súa cámara frontal principal ten un sensor de 16 Mpíxeles con f/2.0 cun campo de visión de 83 graos (capaz de disparar selfies de 24 Mpíxeles), mentres que a outra cámara traseira conta cun grande angular de 120 graos, conseguindo así unha grande versatilidade (pois facilita a realización de fotografías de grupo ou para amosar lugares que visitamos). Tanto as cámaras traseiras como as frontais poden gravar vídeo 4K.
Pola súa banda o ZenFone 4 Selfie reduce unha vez máis a súa configuración para presentar un procesador Qualcomm Snapdragon 430, 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, e incluso a súa pantalla pasa de AMOLED a IPS. Mantén a dobre cámara de frontal, permitindo facer selfies de 20 Mpíxeles, pero desta volta as súas cámaras reducen a gravación de vídeo a Full HD.

Os ZenFone 4 Selfie Pro destacan por contar con dobre cámara frontal e traseira, así como unhas especificación bastante elevadas

PUBLICIDADE