Asus presenta na India novos smartphones e tabletas

xoves, 6 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Esta mañá Asustek organizou en Nova Delhi o Zenfestival 2015, evento que contou coa presenza do director xeral da compañía, Jonney Shih, quen anunciou os prezos e as datas de lanzamento dos novos produtos da compañía para a India, mercado moi competitivo que está a aproveitar a compañía taiwanesa para amosar os seus novos dispositivos das familias ZenFone e ZenPad.
Por unha banda teríamos o ZenFone 2 Deluxe, unha revisión do ZenFone 2 que destaca por un deseño da súa traseira un tanto rechamante (presenta un relevo de múltiples facetas poligonais). Falamos dun smartphone con pantalla IPS Full HD de 5,5 polgadas, procesador Intel Atom a 2,3 GHz de 64bits, 4 GB de RAM, LTE e batería con carga rápida.
Na mesma liña estaría o ZenFone 2 Laser, que chegará con pantallas Full HD de 5, 5,5 e 6 polgadas con protección Corning Gorilla Glass 4, e que presume dunha cámara de 13 Mpíxeles con apertura f/2.0 e enfoque automático láser. Desta volta, en vez dun procesador Intel, opta por un Qualcomm Snapdragon de 8 núcleos e 64 bits e con 3 GB de RAM.
Máis modesto, pero atendendo as tendencias do mercado, chegará o ZenFone Selfie, con pantalla Full HD de 5,5 polgadas, e cámaras tanto frontal como traseira de 12 Mpíxeles con flash LED de dobre ton e enfoque láser. Un terminal dirixido expresamente para os que gozan das auto-fotos.

O ZenFone Max destaca pola súa batería de 5.000 mAh

Pero o terminal que está a captar máis atención parece ser o ZenFone Max, que tamén repite o formato de pantalla de 5,5 polgadas con Corning Gorilla Glass 4, pero que destaca pola súa batería de 5.000 mAh (aproximadamente o dobre do habitual en smartphones destas características) que espérase que achegue unha autonomía impresionante xa que o dispositivo limitou o seu procesador a un Qualcomm Snapdragon 410 e 2 GB de RAM. En cámaras sitúanse nunha configuración máis ordinaria (cunha traseira de 13 Mpíxeles e unha frontal de 5 Mpíxeles).
No terreo da tabletas presentaron os novos Asus ZenPad 7.0 e 8.0, que buscan converterse en complementos para a mobilidade, cun deseño coidado con bordes redondeados e marco metálico, que destacan por contar con carcasas traseiras intercambiables e a posibilidade de completar a tableta con distintas fundas entre as que destaca a Audio Cover, que permite que a tableta conte con son 5.1, aínda que na liña do ZenFon Max tamén estará dispoñible a funda Power Case, que permitirá que a tableta poida gozar dunha autonomía de até 16 horas.
Os ZenPad estarán dispoñibles con conectividade LTE/3G e funcionalidade de teléfono, ou só con Wi-Fi, destacando Asus que sería a primeira tableta do mundo en integrar son DTS-HD Premium.

O Asus ZenPad contaría cunha funda que permitiría gozar de audio 5.1

PUBLICIDADE