Asus presenta un smartphone con 4 GB de RAM

mércores, 7 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Cando Apple presentou hai máis dun ano o seu iPhone 5S cun procesador A7 de 64 bits sorprendeu precisamente porque os dispositivos móbiles de Apple non se caracterizan por contar cunha grande cantidade de memoria RAM (a xestión de máis de 3 GB de RAM é unha das grandes vantaxes dos 64 bits en equipos informáticos), pero agora que xa a meirande parte dos fabricantes de procesadores contan con procesadores de 64 bits no seu catálogo podemos ver o primeiro smartphone que realmente poida espremer as posibilidades de xestionar grande volume de memoria, que chega da man de Asus.
Asus presentou o ZenFone 2, un smartphone cun deseño moi ergonómico, pantalla IPS Full HD de 5,5 polgadas, procesador Intel Atom de 64 bits a 2,3 GHz que vén con 4 GB de memoria RAM, o que supera unha barreira que fai que a distancia a nivel de potencia de teléfonos e ordenadores persoais sexa cada vez máis fina. Dende Asus aseguran que con respecto ao primeiro ZenFone, o novo teléfono conseguiría un desempeño en videoxogos até 7 veces máis rápido.
O novo teléfono 4G tamén conta con cámaras de 13 e 5 Mpíxeles (a cámara traseira tamén conta con HDR e numerosos controis de disparo), Wi-Fi AC, dobre SIM, batería de 3.000 mAh (que pode cargarse até o 60% en só 39 minutos) e, aínda que destaque a nivel de procesador/memoria, tamén presume da súa pantalla, que ten un marco de só 3,3 milímetros e protección Corning Gorilla Glass 3.
A nivel de software, funciona con Android coa capa de personalización ZenUI, que inclúe funcionalidades como ZenMotion (unha colección de xestos táctiles), SnapView (que facilita a separación entre documentos persoais e profesionais no mesmo dispositivo), Trend Micro security (para unha navegación web segura) e ZenUI Instant Updates (que facilita que as aplicacións de Asus reciban actualizacións o máis rapidamente posible).

O Asus ZenFone 2 chegará ao mercado en numerosas cores

PUBLICIDADE