Até 20 pemes participarán na aceleradora galega de proxectos anti-COVID, Connect-19

xoves, 30 de xullo do 2020 S. P.

Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, e Francisco Conde, conselleiro de Economía

O Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas, Ourense) e a Consellería de Economía, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), veñen de dar un novo impulso á súa aceleradora conxunta de pemes especializada na comercialización de solucións contra o impacto da COVID-19. Segundo informaron, neste programa, denominado Connect-19, van participar 20 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de alicerce tecnolóxico de toda a nosa xeografía. A esta iniciativa, á que se van destinar preto de 600.000 euros, presentáronse un total de 53 empresas galegas.
O obxectivo do programa, segundo recalcaron a Tecnópole e GAIN, é “impulsar e fortalecer o acceso ao mercado de solucións innovadoras do tecido empresarial galego que poidan contribuír a reducir o impacto social e económico provocado pola COVID-19, tanto produtos como servizos”. Na mañá deste 30 de xullo o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro en liña cos beneficiarios do programa.
Sectores e solucións moi diversas
Segundo fixo saber Conde, as pequenas e medianas empresas seleccionadas pertencen a sectores moi diversos (saúde, industria, TIC, biotecnoloxía, social) e teñen en común que dispoñen dun produto ou servizo innovador que pode contribuír á loita contra o impacto producido pola crise da COVID-19 (xa sexa desde o punto de vista social ou económico) e que xa se pode incorporar axiña ao mercado (ou xa está no mercado pero precisa dun impulso para a súa visualización). O programa Connect-19 apoiará e reforzará esa comercialización, dixo, engadindo que as empresas que finalmente se van beneficiar da aceleradora “ofrecen solucións moi dispares”, desde unha aplicación móbil para controlar a desnutrición dos pacientes COVID até un kit para a detección precoz da doenza, pasando por ingredientes cosméticos con capacidade antiviral ou a creación de tecidos para combater bacterias e virus en colchóns.
Asemade, ofrécese un sistema de control da temperatura en tempo real; un sistema de nebulización contra virus e bacterias; un punto de control de acceso e hixiene en instalacións; un dispositivo para o recoñecemento de xestos destinado a minimizar o contacto con superficies contaminadas; un sistema de vixilancia de espazos públicos a través do uso de drons (que permite contabilizar persoas e medir a distancia entre elas); ou un sistema de medición de audiencia que estima varios parámetros de persoas captadas por unha una cámara de utilidade para controlar o uso de máscaras de protección, a distancia social ou o aforamento.
Outra das propostas céntrase no deseño dunha ferramenta de espazos virtuais colaborativos para traballar de xeito seguro. Amais, seleccionouse un sistema para optimizar a coordinación entre os distintos axentes en residencias e centros de día; así como unha solución que permite levar a cabo todos os procesos dunha empresa desde unha mesma plataforma, evitando o contacto físico e potenciando o teletraballo.
Durante cinco meses as 20 empresas beneficiadas recibirán asesoramento individualizado, capacitación comercial e técnica, ao tempo que se potenciará a súa capacidade de captación de financiamento e impulsaranse servizos de fortalecemento comercial. “Trátase de compañías que xa teñen presenza efectiva no mercado e o que se busca a través deste programa é fortalecer e maximizar as súas capacidades de xerar valor social e económico”, informou Conde.
Esta aceleradora enmárcase nas medidas impulsadas desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), para dar resposta á crise sanitaria e que se materializou no apoio de oito solucións innovadoras promovidas por pemes e universidades galegas transferíbeis ao sector da saúde, da industria e do comercio ou a colaboración co primeiro hackathon virtual en xuño para crear solucións innovadoras que axuden ao tecido empresarial galego a adaptarse á nova realidade.

PUBLICIDADE