AtlantTIC achega unha aplicación que libera o Camiño de Santiago de barreiras comunicativas: PictoXacobeo

luns, 26 de xullo do 2021 S. P.

O Grupo de Tecnoloxías da Información do centro AtlantTIC (Universidade de Vigo) desenvolveu unha aplicación móbil para liberar de barreiras o Camiño de Santiago con respecto ás persoas con necesidades comunicativas especiais (trastornos da fala, comprensión lectora e escritora, dificultades da linguaxe, etc). Estamos a falar de PictoXacobeo, unha ferramenta para Android desenvolvida polo dito grupo coa colaboración da Xunta a través dunha achega de case 4.000 euros do programa O teu Xacobeo.
PictoXacobeo, explica a Universidade de Vigo, é unha solución tecnolóxica de inclusión e participación social que permite seleccionar pictogramas e crear frases, facilitando a comunicación entre os peregrinos. Segundo se indica, a principal vantaxe desta aplicación é “a posibilidade de que persoas con dificultades para comunicarse poidan facelo sen dificultade nun escenario específico coma é o Camiño de Santiago e, máis concretamente, nos albergues, no locais de restauración, nas tendas e nas igrexas”, salienta Enrique Costa, investigador responsábel deste proxecto, quen fai fincapé en que, ademais, ao estar dispoñíbel nos seis idiomas máis usados no Camiño (español, inglés, francés, alemán, italiano e portugués), o usuario poder ver a configuración dos pictogramas no seu idioma e ao mesmo tempo xerar a mensaxe noutra lingua, de xeito que estaría en disposición de comunicarse sen problema coas persoas locais ou con outros peregrinos/as que falen outro idioma.
“Até o de agora existían nas tendas de aplicacións móbiles varias apps centradas na comunicación usando pictogramas, pero ningunha centrada no que é a comunicación dos peregrinos, cos diferentes perfís que se poden atopar durante o Camiño”, salienta Costa, responsábel dun equipo de traballo do que tamén formaron parte Francisco de Arriba, Silvia García Méndez e Francisco Javier González Castaño, investigadores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, adscritos ao dito centro AtlantTIC.
Segundo indican, a orixe do proxecto estivo nunha lectura na prensa, na que se daba conta dunha iniciativa para habilitar unha guía do Camiño de Santiago de lectura doada con pictogramas, así como de sinalizar todos os albergues públicos con este tipo de sinalizacións gráficas, de cara a incrementar a súa accesibilidade. Os investigadores de AtlantTIC quixeron ampliar este proxecto para que tamén fose posíbel a comunicación integral dos usuarios ao longo de todo o proxecto.

PUBLICIDADE