Atree presenta un completiño receptor de televisión dixital móbil (DMB)

martes, 17 de abril do 2007 Raquel Noya

Tal e como indican os responsables de PMPToday, unha nova empresa coreana coñecida como Atree vén de entrar no duro mercado das novas tecnoloxías con dous novos produtos que aparecen presentados con bombas de palenque na súa páxina web. Os devanditos produtos son o dicionario UD10, que semella ter unha feitura excelente (sobre todo para os que entenden o coreano, e non é o noso caso) e o UJUKE10, un reprodutor portátil que inclúe unha pantalla de 2,2 polgadas e unha capacidade de 2 ou 4 XB dependendo da versión do modelo que se adquira.
Este moderno dispositivo chegado directamente de terras orientais presenta soporte para os formatos de audio MP3/WMA/OGG e de vídeo MPEG-4/WMV9/AVI e conta cun sintonizador de radio FM; ademais destas funcións tan actuais (e tan de moda) como é a reprodución de todo tipo de formatos de vídeo e audio, o aparello integra funcións máis simples, como o visionado de imaxes MPEG/BMP/GIF e de formatos de texto. Amais, ten capacidade para gravar sons ou mini xogos integrados cos que perder o tempo.
Cómpre dicir que cada detalle está coidado polo miúdo, o que fai deste gadget un moi interesante obxecto que semella digno dos geeks máis esixentes. Mais o que de verdade o converte en meritorio do título de honra ó dispositivo friki do ano é o receptor de televisión dixital móbil DMB do que se vale, que permitirá ó usuario gabarse de “tele” até na consulta do dentista e sen perder un chisco de calidade.

PUBLICIDADE