Audio-Technica estrea auriculares sen fíos relativamente económicos

xoves, 7 de outubro do 2021 Marcus Fernández

O reputado fabricante Audio-Technica ten uns novos auriculares sen fíos, os ATH-SQ1TW, que non só son cómodos e doados de usar, senón que incluso teñan un prezo bastante axustado para ser unha marca de tanta sona, vendéndose nos EE.UU. por 79 dólares (68 euros) e no Xapón por 9.680 iens (75 euros), polo que podemos confiar en que cheguen a Europa a un prezo máis que razoable.
Estes auriculares comercialízanse en numerosas cores, buscando así adaptarse aos gustos de moitos consumidores diferentes; teñen unha autonomía de até 6,5 horas (que poden alongarse 13 horas grazas ao seu estoxo de carga); teñen modo de baixa latencia para buscar a sincronización entre o que se amosa na pantalla do móbil e o que se escoita polos auriculares; contan con controis táctiles e función de escoitar ao través; e incluso contan con protección IPX4 a proba de salpicaduras, polo que poden empregarse sen medo no día a día.
O seu driver de 5,8 milímetros promete un audio de calidade; conta con Fast Pair para unha sincronización rápida con dispositivos Android e incluso permiten o uso dun auricular por separado. Toda unha combinación de prestacións bastante boa na que a única carencia notable sería a cancelación de ruído (que non é precisamente unha demanda de todos os usuarios de auriculares).

Os novos auriculares de Audio-Technica son compactos, cómodos e doados de usar

Vídeo promocional dos auriculares Audio-Technica ATH-SQ1TW

PUBLICIDADE