Avatel levará a súa fibra óptica a máis de 5.800 vivendas e empresas de Sada

xoves, 20 de xaneiro do 2022 S. P.

Inauguración da tenda de Avatel en SadaA operadora Avatel presentou este xoves 20 de xaneiro os seus plans de cobertura e servizo de Internet de alta velocidade para o concello de Sada, onte ten a previsión de levar a fibra óptica (FTTH) a máis de 5.800 vivendas e empresas. Avatel, empresa de telecomunicacións de orixe galega, xa activou a súa rede no dito termo municipal, onde tamén dará servizo de telefonía móbil e fixa e onde tamén porá a disposición da veciñanza da súa propia plataforma de TV, da que falamos en Código Cero os días pasados.
Estes e outros datos foron achegados na inauguración da tenda de Avatel na localidade coruñesa, nun acto que contou coa presenza do alcalde sadense, Benito Portela e da concelleira de Cultura, Paola Mondaca, amais da directora de Tendas de Avatel, Paola Mirasol, e o responsábel na zona da empresa, Luis Seijas.
Sada é a segunda localidade da provincia da Coruña á que chega Avatel en tan só tres meses, tras conectar Ribeira o pasado novembro.
Como lembraremos, a operadora morada está enfocada en levar conexión de fibra óptica a pequenas e medianas poboacións como a sadense, e igualmente a concellos de natureza máis rural, e ao longo da última década evolucionou até converterse nun referente neste sector no territorio español.
Avatel, cuxos máximos responsables teñen raíces galegas, creou a nova rede de telecomunicacións avanzadas do municipio coruñés con investimento propio. Con ela actualmente cobre o 90% do centro urbano. Ademais, abriu un punto de atención ao cliente na avenida Barrié da Maza xerando tres postos de traballo. Todo iso “co firme propósito de integrarse no tecido empresarial da vila sadense e contribuír a potenciar a economía local”, explican fontes de Avatel.
A directora de Tendas explicou que a operadora morada distínguese “pola súa proximidade ao cliente, pola súa capacidade de reacción e polo seu compromiso coas poboacións ás que chega”. Tamén salientou os puntos fortes da tecnoloxía posta en xogo pola compañía de telecomunicacións: “Mediante unha conexión a Internet de banda larga e simétrica é posíbel transmitir grandes volumes de datos nun momento no que se está asentando o teletraballo, multiplícanse os trámites administrativos que podemos realizar online así como a formación a distancia”.

PUBLICIDADE