BFAero licencia dez proxectos punteiros aeroespaciais
venres, 3 de decembro do 2021
A
aceleradora galega de proxectos tecnolóxicos aeroespaciais BFAero,
impulsada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), licenciou dez
novos proxectos de emprendemento innovador no ámbito aeroespacial.
Así o deu a coñecer a directora da axencia Patricia Argerey nun
acto celebrado este xoves 2 de decembro en Lugo, que, amais dunha
mesa redonda, incluíu a entrega de diplomas de participación en
BFAero e máis unha visita ao Centro de Investigación Aeroportada
das Rozas (CIAR).
Argerey
destacou “a relevancia deste programa para seguir sumando talento e
consolidando tecido empresarial arredor do Polo Aeroespacial de
Galicia”. Tamén lembrou que os 19 proxectos impulsados a través
de BFAero mobilizaron 5 millóns de euros, crearon 62 postos de
traballo cualificados e constituíron oito novas empresas.
Argerey
realizou estas declaracións durante o acto de peche da segunda e
terceira edición do programa, celebrado en Lugo na sede da Fundación
CEL. Como dixemos, a xornada incluíu unha mesa redonda de
intercambio de experiencias cos dez proxectos licenciados, a entrega
de diplomas e unha visita ao Centro de Investigación Aeroportada de
Rozas (CIAR).
Ademais,
Argerey anunciou que no novo período do Polo Aeroespacial de Galicia
ata 2025 contémplase dar continuidade á BFAero a través de novas
convocatorias, “impulsando así a creación e desenvolvemento de
novas empresas de base tecnolóxica no sector dos vehículos non
tripulados”. Así, prevese a incubación e aceleración dun mínimo
de 24 proxectos empresariais.
Os
proxectos que pecharon o seu paso pola BFAero foron, por unha banda,
tres que remataron a incubación iniciada en 2020 no marco da segunda
edición, concretamente:
•
Alivetor, spin-off do Centro Tecnolóxico
Gradiant (Vigo) que está a desenvolver unha carga de pago radar para
drons de peso reducido, capaz de penetrar a materiais como o ladrillo
ou o cemento. Así, permitirá a busca de vítimas sepultadas baixo
cascallos en escenarios como terremotos.
•
Contact-drone, spin-off da Universidade de Vigo cuxo
proxecto céntrase no desenvolvemento de cargas de pago para
vehículos non tripulados (UAV) que permitan establecer un contacto
estábel entre o vehículo aéreo e unha estrutura vertical. Esta
carga de pago permitirá realizar tarefas de inspección non
destrutiva baseada, por exemplo, en ultrasóns.
•
FreeDron, spin-out de dúas empresas
galegas: Cartogalicia (Santiago de Compostela) e Enxeñería Insitu
(Lugo). Traballa nun dispositivo de captura de datos
xeorreferenciados, de carácter multisensor e capacidade para ser
embarcado en multiplataforma, como solución hardware-software
modular e completa que permita un control de captura de datos e
integración/procesado básico.
Por
outra banda, licenciáronse os sete proxectos da terceira edición,
dos que tres estaban en incubación:
•
Pharmadron (Teruel) propón a entrega de medicinas por
UAV. Servizo de entrega completamente autónomo (sen intervención do
receptor) de gran precisión (20 centímetros de erro) de
medicamentos a comercios locais (como farmacias por exemplo) en áreas
pouco poboadas para evitar contactos entre persoas, en prevención da
COVID-19.
•
Solarbotix (Madrid) traballa na fabricación de
conxuntos solares encapsulados (placas fotovoltaicas) mediante
tecnoloxías de fabricación de compostos para que poidan moldearse
en superficies non planas (por exemplo, as ás dos avións).
•
DroneSuite, spin-off do Instituto Tecnolóxico
de Galicia (ITG) (A Coruña) que está a desenvolver unha plataforma
cloud con ferramentas e utilidades SW destinadas a facilitar a
xestión, operación e administración da actividade habitual dunha
operadora de RPA, que permite automatizar as tarefas de procesado e
xerar resultados de forma eficaz.
E
catro en aceleración:
•
Cíes Solar (Vigo) ofrece o deseño e produción
dun UAV de baixo peso (de apenas 3,8 kg), cunha grande autonomía de
ata 10 horas, grazas á súa aerodinámica e aos paneis solares cos
que conta, utilizado para a realización de inspeccións
fotogramétricas de grandes superficies (10.000 hectáreas/día).
•
Saqqarah (Vigo) traballa na integración de tecnoloxía
de visión artificial e Intelixencia Artificial en UAV de dimensións
reducidas e alta precisión de voo con cámara embarcada para
inspección de procesos industriais e verteduras ambientais.
•
Primecor (Alacante) dispón dun sistema de control de
voo para UAV fiábel, seguro e certificábel. A súa aplicación é o
control autónomo de calquera tipo de UAV para calquera tipo de
misión: xestión de tráfico, seguridade e defensa, air taxis…
•
Atom (Madrid) conta cunha ferramenta integral para a
integración de drons en operación e mantemento de instalacións
industriais (por exemplo, plantas solares fotovoltaicas). Crea unha
contorna de traballo que facilita o uso de drons, planifica
operacións, xestiona e procesa datos para análises complexas.
Servizos da aceleradora
A
Business Factory Aero ofreceu aos proxectos incubados e acelerados
tirorías personalizadas con expertos do sector, asesoramento
tecnolóxico, acceso ás instalacións e equipamentos do Polo
Aeroespacial de Galicia e a potenciais clientes, ademais de espazos
propios para realizar coworking e recibir formación.
Os
proxectos que participaron no programa recibiron ademais apoio
económico da Xunta de Galicia. En concreto, teñen acceso a unha
axuda de ata 100.000 euros na fase de incubación e de ata 50.000 na
de aceleración da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia.
Ademais, na fase de aceleración teñen acceso a préstamos
participativos de ata 250.000 euros da Xunta a través de XesGalicia.
Neste
programa participan, ademais da Axencia Galega de Innovación, do
IGAPE e de XesGalicia por parte da Xunta de Galicia, colaboradores de
relevancia como empresas tractoras líderes de mercado no sector como
Indra ou Babcock, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia
(CTAG), pequenas e medianas empresas galegas relevantes polo seu
coñecemento ou as súas tecnoloxías, representadas polo Consorcio
Aeronáutico de Galicia, e xeradores de coñecemento como as tres
universidades galegas.