Baixan de prezo varios títulos de Xbox 360

martes, 6 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Microsoft decidiu que varios dos xogos de Xbox 360 pasen a integrarse no selo Platinum Hits, ou sexa, que tras ter un éxito considerable, rebaixen o seu prezo oficial, para incrementar a súa vida nas tendas de videoxogos.
Os novos xogos que comezarán a venderse nos EE.UU. a 19,99 dólares (aínda que polo que puidemos comprobar, en España parece ser que tal prezo de venda será de 29,99 euros) serán Grand Theft Auto IV, Street Fighter IV, Left 4 Dead, Saints Row 2 e Star Wars: El Poder de la Fuerza, o que en boa medida parece responder ao feito de que nos vindeiros meses aparezan secuelas ou revisións de case todos (Grand Theft Auto IV terá en soporte físico as súas expansións, o Super Street Fighter IV anunciouse nos pasados días, Left 4 Dead 2 foi un dos grandes anuncios do pasado E3 e o xogo de Star Wars estreará en breve unha Edición Sith).
Cómpre sinalar que algún destes xogos xa están á venda en España ao prezo indicado ou incluso máis baratos, polo que o seu paso a Platinum Hits o que fai principalmente é oficializar o prezo real de xogos que perderon o seu pulo inicial.

PUBLICIDADE