Balidea aposta por tecnoloxías da fala en galego
mércores, 1 de xuño do 2022
Con
motivo da celebración das Letras Galegas a
empresa compostelá Balidea fixo un pequeno balance da súa
actividade recente pola promoción da nosa lingua a nivel
tecnolóxico, unha liña de acción que se materializa no
desenvolvemento de tecnoloxías que permiten interactuar co mundo
dixital en galego. Este é o alicerce do traballo desenvolvido por
Andrés Piñeiro dende a área de I+D+i de Balidea, cuxo cometido
específico non é outro que avanzar na comprensión automática da
linguaxe falada na comunicación persoa-máquina, mediante o
desenvolvemento e implementación de axentes conversacionais por voz.
A
través deste proxecto, que colleu corpo a través do programa de
Doutoramento Industrial da Axencia Galega de Innovación (GAIN), en
colaboración coa Universidade de Vigo, Balidea busca “contribuír
ao desenvolvemento da tecnoloxía da fala e da linguaxe en ambientes
bilingües galego-castelán” e lembra, tamén, que actualmente non
existen sistemas estándar para o NLP (procesamento de linguaxe
natural, polas súas siglas en inglés) ou para o SLU (en inglés,
comprensión da linguaxe falada) en galego.
Nun
plano máis concreto, no plan da tese de Andrés prevese o
desenvolvemento de prototipos que validen a investigación en tres
ámbitos: o da Administración Electrónica, o sociosanitario e o da
Industria 4.0. “Polo tanto”, explica a empresa compostelá, “o
coñecemento e experiencia obtidas con esta investigación suporán
un referente dentro do mundo dos asistentes conversacionais en
galego-castelán, cunha grande proxección de cara ao seu posíbel
uso polas administracións e empresas galegas”.
Balidea
tamén lembra no seu balance que xa conta con anos de experiencia no
desenvolvemento de tecnoloxías da fala baseadas en Intelixencia
Artificial (AI), con algúns proxectos dos que xa se realizaron
probas piloto e outros que están en proceso (neles iranse aplicando
todos os avances obtidos durante este programa de doutoramento).