Banda deseñada e cómics centrarán unha xornada na Coruña

luns, 15 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A ligazón entre a banda deseñada e o mundo dos videoxogos é unha estrada de dobre sentido, de xeito que nas últimas décadas converteuse nalgo moi habitual ver como figuras das viñetas daban o salto a consolas e máquinas recreativas, mentres que moitos videoxogos tamén inspiraban historias sobre o papel.
Como exemplos de éxitos do salto do cómic ao videoxogo temos estes días a expectación creada polo xogo Dragon Ball FighterZ, que tivo problemas durante a súa beta aberta ante a atención captada polo novo xogo inspirado no manga de Akira Toriyama; Batman tamén está a combinar o éxito dunha aventura gráfica que xa leva dúas tempadas co dunha serie de xogos de Rocksteady Studios que incluso ten unha adaptación para realidade virtual; o personaxe Rogue Trooper tamén volveu hai pouco ás consolas grazas a unha remasterización do seu xogo de 2006; e incluso os personaxes da Marvel están a enfrontarse aos dos videoxogos de Capcom no recente Marvel vs. Capcom: Infinite.
En vista deste escenario, a tenda de banda deseñada coruñesa Kikomic organiza para o vindeiro venres pola tarde (de 17:30 a 21:00 horas) unha sesión de Superconsolas, convidando aos visitantes a gozar de xogo libre a videoxogos relacionados co mundo do cómic. O evento completarase cunha charla de Antonio Alonso Salvia sobre os cómics nos videoxogos.

Antonio Alonso impartirá unha charla sobre a banda deseñada nos videoxogos o vindeiro venres

PUBLICIDADE