Baños de Molgas e Xoia levan os tesouros do concello á Realidade Aumentada

xoves, 2 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O Concello ourensán de Baños de Molgas e a empresa tecnolóxica galega Xoia Software Development remataron o ano cunha nova contribución innovadora ao turismo vía móbil. En concreto, presentaron na explanada da Antiga Estación de Ferrocarril unha aplicación de RA (Realidade Aumentada) para reivindicar, revitalizar e mostrar ao detalle os moitos tesouros patrimoniais e paisaxísticos do concello. A ferramenta é unha ferramenta-guía con funcións de xeolocalización: carrexa aos visitantes polos recantos de Baños de Molgas que non poden deixar de ver, así como polos seus grandes fitos históricos.
A aplicación Visita Molgas, que é de balde, está xa accesíbel para Android e iOS. Como dixemos, funciona como un guía turístico, axudando aos usuarios (primeira parte) a chegar do mellor xeito posíbel aos principais puntos de destino, para logo, unha vez que recalen neles, poñer o foco en mellorar a súa experiencia (grazas ás cámaras dos seus dispositivos móbiles estarán en comunicación con Nymphis, a personaxe encargada de desvelar os misterios de cada elemento patrimonial e histórico, a través de Realidade Aumentada, animación en 3D, monumentos reconstruídos con fotogrametría, etc). O resultado, informou o Concello, é unha “completa experiencia interactiva e envolvente, a par que divulgadora e lúdica”. Por certo que amais de con Nymphis, a vertente descubridora e informativa da aplicación vese reforzada coa presenza do humorista Moncho Borrajo, natural, precisamente de Baños de Molgas.

PUBLICIDADE