Barra desprazadora para axustar o monitor á vista

luns, 12 de febreiro do 2007 Raquel Noya

Se ben é certo que os internautas (sobre todo os máis adictos á rede) pasamos gran cantidade de horas frente ó computador, ben sexa na oficina, na casa ou nalgún cibercafé, tamén é certo que os médicos e especialistas advirten dos males que poden carrexar para a nosa saúde este tipo de prácticas en exceso. Por norma xeral recomendan ter o monitor á altura axeitada, tanto para ver ben como para evitar malas posturas e dores no pescozo e nas costas, provocadas por telo alto ou baixo de máis. Até o de agora abondaba con achegar a pantalla cara a adiante ou cara a atrás (sobre todo as TFT que non pesan nada) ou xirar o cabezal que incorporan (precisamente para isto) na propia base do periférico, cara a arriba ou cara a abaixo até situala no ángulo perfecto.
Pois ben, a compañía Magnuson Group facilítalle (se cadra) esta dura tarefa ós usuarios de informática ó deseñar unha barra de ferramentas para o escritorio, cun brazo mecánico no que se suxeita o monitor e que permite axustalo á posición desexada: arriba, abaixo, dereita ou esquerda.
En definitiva, nada que non se poidera facer ata o de agora, pero cun deseño moito máis cool para os que non teñen en que perder o tempo (nin os cartos) e que, de seguro, venderase como o remedio axeitado para as dores de lombo e pescozo (quizais sirva para evitar o consumo excesivo de antiinflamatorios e analxésicos entre os mozos, deste xeito o invento non será de balde como pensaba).

PUBLICIDADE