Barrán prepara un servizo de correo electrónico en galego e baixo o dominio .gal

luns, 31 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

O Grupo Barrán, empresa de Santiago especializada en formación e desenvolvemento arredor do software libre, infórmanos esta semana dunha importante novidade no seu catálogo de recursos informáticos: un servizo electrónico en galego baixo o dominio .gal, de balde, e que seria quen de achegar as máximas condicións de seguridade e privacidade para o usuario (o seu contido está cen por cen cifrado). O servizo en cuestión, para o que a empresa compostelá xa conta co dominio barran.gal reservado para darlle acubillo na Rede, está a día de hoxe en fase de desenvolvemento.
Como dixemos, presentarase coa nosa lingua como opción predeterminada, aínda que aqueles internautas que así o desexen poderán trocar o idioma ao castelán, inglés ou francés a través do seu panel de configuración persoal. Como gran novidade a ter en conta respecto das ferramentas arestora activas da competencia, dicir que Barrán Mail (así se fará chamar) salientará pola súa seguridade, segundo nos fan saber os responsábeis do Grupo. Para acadalo (parar lograr que a mensaxería estea cen por cen cifrada) empregaranse os desenvolvementos máis avanzados de Symantec.
A maiores, botarase man de servidores emprazados en territorio galego e habilitaranse servizos de conexión coa aplicación de mensaxería instantánea Telegram, posibilitando que o usuario reciba de xeito automático as mensaxes da dita ferramenta no seu correo. Por outra banda, informa Barrán, o servizo Barrán Mail integrará varias funcionalidades de interacción co sistema operativo Linux Espín, que é o software libre que está a preparar nestes intres a empresa galega para o seu lanzamento. Respecto á data aproximada na que poderemos comezar a tirarlle partido a Barrán Mail, a compañía informa que estará accesíbel a partir do intre en que os dominios .gal tamén o estean.

PUBLICIDADE