Battleborn inicia a súa beta para PlayStation 4

venres, 8 de abril do 2016 Marcus Fernández

2K lanzará en maio o xogo Battleborn en versión para Xbox One, PlayStation 4 e PC, e para pór a proba este shooter de nova xeración desenvolvido polos creadores de Borderlands, inician hoxe a súa beta aberta para PlayStation 4, de xeito que os usuarios da consola de Sony poden xa descargar unha versión do xogo que permitirá controlar até 25 heroes con cadansúa personalidade, poderes e etilos de xogo (dos que só 7 estarán desbloqueados inicialmente) para chantar o dente ao modo Historia ou medirse en partidas competitivas de 5 contra 5.
A beta ofrece dous episodios completos (The Algorithm e Void’s Edge) do modo Historia que poderán xogarse en modo cooperativo con até 5 xogadores. En grupos de 5 tamén será posible desafiar a outros xogadores nos modos competitivos Incursión e Meltdown.
Esta fase de proba do xogo desenvolverase até o 18 de abril e os usuarios de Xbox One e PC deberán agardar ao 13 de abril para poder probar o que achegará un xogo que ten todas as bazas para converterse nun dos grandes éxitos do xogo en liña o vindeiro verán.

Vídeo promocional da beta de Battleborn para PS4

PUBLICIDADE