Battlefield 4 inicia a súa beta aberta

venres, 4 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Como anticipo do lanzamento de Battlefield 4 Electonic Arts iniciou hoxe a beta aberta do xogo para PC, PlayStation 3 e Xbox 360, que permitirá probar os modos Conquista e Dominación no mapa Asedio de Shanghai, o que facilitará á xente de DICE a realización dos últimos axustes deste xogo que verá a luz en breve, aspirando a converterse nun dos grandes títulos da campaña de Nadal, co reto de ter que conseguir arrebatarlle público á franquía de Call of Duty.
A beta pública de Battlefield 4 está dispoñible a través do cliente de Origin para a súa versión para ordenadores persoais; os usuarios de PlayStation 3 poden descargar esta versión de proba do xogo a través da PlayStation Store; e no caso da Xbox 360 o xogo só estará dispoñible para a súa descarga para usuarios Gold de Xbox LIVE.
Con esta beta pretenden probar os servidores e back-end do xogo, así como configurar os compoñentes multixogador do xogo, e no caso de querer probar o título nun PC recoméndase que estea equipado cunha versión de Windows de 64 bits, que teña un procesador de 4 núcleos, 8 Gb de RAM, gráfica nVIDIA GeForce GTX 660 ou AMD Radeon HD 7870, 3 Gb de RAM e 1,6 Gb de disco duro libre.
Cómpre destacar que as versións de consola do xogo contarán coa posibilidade de actualizarse a versións dos xogo para consolas de nova xeración por 9,99 euros grazas a un programa provisional que pretende que os usuarios non retrasen a compra das novidades ante a posibilidade de que vaian comprar en breve a PlayStation 4 ou a Xbox One.

PUBLICIDADE