Battlefield: Bad Company 2 estrea demo para Xbox 360 e PC

xoves, 28 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

O estudo de Electronic Arts, DICE, anunciou hoxe o lanzamento da versión de demostración do seu xogo Battlefield: Bad Company 2, que poderán descargar de balde os usuarios Gold de Xbox LIVE para Xbox 360, podendo gozar do modo multixogador nunha batalla en Port Valdez (Alaska) ata o 25 de febreiro, mentres que os usuarios de PlayStation 3 deberán agardar ao 4 de febreiro para poder probar este título de acción en primeira persoa tan agardado polos afeccionados ao xénero. Os usuarios de PC que reservasen o xogo antes do seu lanzamento tamén terán acceso a unha versión de proba que pode descargarse dende distintos servidores.
Dende DICE aseguran que están a soportar unha carga de usuarios inmensa nos seus servidores, de xeito que esta fase de probas servirá tamén para axustar o servizo para que cando saia o xogo á venda o vindeiro 4 de marzo estea garantida a estabilidade do sistema que soportará a milleiros de usuarios simultáneos.
A demo para Xbox 360 permitirá a participación de ata 24 xogadores por partida, mentres que a de PC aguantará ata 32, e o usuario poderá elixir entre o bando estadounidense ou o ruso, facendo acto de presenza multitude de vehículos de terra e aire que enriquecerán este título que terá coma principal reto estar á altura das expectativas xeradas por ser unha secuela dun xogo de grande éxito hai cousa de ano e medio.


Vídeo que amosa a aparencia da demostración de Battlefield: Bad Company 2

PUBLICIDADE