BeOne e o Concello de Brión poñen en marcha #EuAdestroNaCasa

venres, 27 de marzo do 2020 S. P.

A empresa Grupo Serviocio BeOne segue a colaborar cos nosos concellos para poñer a disposición da veciñanza local a súa aplicación de exercicio físico, moi acaída para estes tempos de reclusión forzosa nos nosos fogares. Se os días falamos do fornecemento da ferramenta para xente de Rianxo, hoxe foi a quenda do Concello de Brión, onde o grupo BeOne é adxudicatario da xestión da Piscina Municipal.
En Brión, ao abeiro dun acordo entre a empresa e o Goberno local, púxose en marcha o programa #EuAdestroNaCasa, unha iniciativa de balde e aberta para toda a veciñanza do municipio que inclúe máis de 300 clases virtuais de tonificación, baile, HIIT, meditación, ioga e pilates, co fin de que poidan seguir mantendo a súa actividade física mentres dure o confinamento.
Silvia Fadeville Cajuso, directora da Piscina de Brión, explica que “non é o momento de volvernos sedentarios. Ao contrario, debemos estar máis fortes que nunca para poder vencer entre todos esta adversidade. Por iso, Grupo Serviocio BeOne quere abrir esta iniciativa, que puxo ao alcance dos usuarios da piscina, a todos os veciños e veciñas de Brión e de forma gratuíta”.
Para participar só é preciso que se rexistren na páxina web da empresa, e logo obter as claves de acceso á aplicación móbil, que como dixemos, conta con máis de 300 clases virtuais que os veciños e veciñas de Brión poden realizar dende as súas casas e á hora que estimen oportuna.
O alcalde de Brión, José Luís García, agradeceu a colaboración do Grupo Serviocio BeOne e animou á veciñanza a sumarse á iniciativa pois “canto máis activos e máis sans esteamos, máis axiña conseguiremos superar esta crise sanitaria”.

PUBLICIDADE