Beat Saber será un dos grandes reclamos de Oculus Quest

luns, 18 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos meses temos comentado o éxito de Beat Saber, xogo de ritmo que pode considerarse como o Guitar Hero da realidade virtual, e que vén de superar o millón de xogadores, e dende Oculus consideran que é un bo reclamo, de aí que anuncien xa que será un dos xogos de lanzamento de Oculus Quest, produto que busca ser a primeira solución autónoma de realidade virtual destinada aos xogos, xa que consiste nun casco cun par de mandos que non precisa dun ordenador persoal para somerxer ao usuario en contornos virtuais con 6 graos de liberdade.
A combinación de Beat Saber e Oculus Quest pode ser un grande éxito, ao facer que os usuarios vexan o casco Oculus Quest como unha consola de videoxogos á que poderán sacar partido con xogos revolucionarios, que ofrecerán experiencias inmersivas especialmente satisfactorias por carecer de cables. No caso de Beat Saber teremos así un xeito moi cómodo de xogar movendo espadas de luz virtuais para destruír os bloques que se achegan a nós ao ritmo da música, realizando frenéticas coreografías de movementos que son seguidas sen a necesidade de sensores instalados na habitación (como facían solucións na liña de Oculus Rift e HTC Vive).
O anuncio de Beat Saber para Oculus Quest tamén serve para confirmar a intención de que o novo casco de realidade virtual saia á venda en primavera, cando até hai pouco só concretaban que vería a luz ao longo do presente ano.

Oculus Quest será a primeira grande experiencia de realidade virtual completa e sen cables con 6 graos de liberdade

Vídeo de presentación de Beat Saber para Oculus Quest

PUBLICIDADE