Bethesda anuncia unha antoloxía da saga The Elder Scrolls

venres, 2 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Os seareiros da saga The Elder Scrolls que teñan afán coleccionista van poder cumprir un soño a partir do vindeiro 13 de setembro, data na que sairá á venda The Elder Scrolls Anthology para PC, un recompilatorio que recolle os cinco principais xogos da saga (Arena, Daggerfall, Morrowind, Oblivion e Skyrim) xunto con todos os complementos e expansións oficiais das 3 últimas entregas, enriquecendo o lot con 5 mapas físicos das terras de Tamriel, a baía de Iliac, Morrowind, Cyrodill e Skyrim, que axudarán a explorar o grande mundo de Tamriel.
Deste xeito, os que non seguiran a saga dende o seu inicio en 1994, poderán repasar todos os seus xogos, que no caso das dúas primeiras entregas conséguese ao ofrecelos integrados dende dun emulador de MS-DOS, pois estamos ante xogos que non funcionarían nas versións de Windows actuais. O prezo desta colección será de 59,99 euros.

A antoloxía da saga de Bethesda será moi completa

PUBLICIDADE