Beyond: Dos almas e Rayman Legends destacan entre os xogos de PS Plus de maio

mércores, 25 de abril do 2018 Marcus Fernández

As consecuencias da suba de prezo das subscricións de PlayStation Plus e o anuncio de que abandonarán a PlayStation 3 e a PS Vita nótanse un mes máis, e os xogos que ofrecerán no mes de maio son de auténtico luxo, cando menos no que a PlayStation 4 se refire, comezando forte con Beyond: Dos almas, xogo do estudio Quantic Dreams, que no mesmo mes lanzará Detroit: Become Human, polo que poder gozar dun anterior título do mesmo estilo pode ser un grande incentivo para facerse co novo lanzamento. Beyond: Dos almas non só é tamén un xogo moi cinematográfico, senón que incluso tiña grandes fichaxes da grande pantalla para os seus personaxes, de xeito que contou coa actriz Ellen Page interpretando ás súas protagonista e tamén coa participación do grande actor Willem Dafoe.
O outro xogo de PlayStation 4 do mes de maio será Rayman Legends, un plataformas en dúas dimensións que non só goza dunha estética inconfundible, senón que tamén pon acento no acompañamento musical, de xeito que permitiranos vivir divertidos momentos superando obstáculos ao ritmo dunha versión mariachi do Eye of the Tiger (tema de Survivor célebre pola súa utilización dos filmes de Rocky).
A maiores tamén se incluirá o MOBA tridimensional de 5 contra 5 HIVE, do estudio valenciano Catness Game Studio, que grazas á incorporación en PlayStation Plus conseguirá certa visibilidade.
Os xogos de PlayStation Plus en maio para outras plataformas non son especialmente relevantes, e así para PlayStation 3 teremos Risen 3: Titan Lords e Eat Them!, mentres que para PS Vita os xogos serán King Oddball e Furmins.

PUBLICIDADE