Beyond Good & Evil 2 confirma o seu desenvolvemento cun tráiler sorprendente

luns, 12 de xuño do 2017 Marcus Fernández

O xogo de 2003 Beyond Good & Evil converteuse en todo un título de culto coas súas versións para GameCube, PS2, Xbox e PC, que hai uns anos recuperouse remasterizado para consolas de alta definición, mantendo vivos os comentarios sobre a súa posible secuela, proxecto moi rumoreada, que dá a impresión de que volveu á mesa de deseño en varias ocasións, xa que finalmente este E3 é no que se confirma o título, cun cambio de ton abraiante.
O xogo orixinal era un título de acción e aventura protagonizado por Jade, unha moza que conseguiu converterse nun dos personaxes femininos máis destacables do mundo dos videoxogos (por fuxir de certos tópicos) na súa investigación para desvelar unha conspiración do goberno coa axuda do carismático Zerdy, e que precisamente non son os protagonistas de Beyond Good & Evil 2, senón que este novo xogo de Ubisoft sería unha precuela do anterior, ambientado en System 3, unha galaxia afastada na que as corporacións están a crear e escravizar híbridos animais, de xeito que participaremos nos intentos dun pequeno grupo que loita pola liberdade.
O tráiler que confirma este título presenta imaxes cinemáticas moi realistas, cun nivel extraordinariamente afastado do xogo orixinal (máis próximo aos debuxos animados), á vez que os personaxes non cesan de empregar palabras groseiras, dando a entender que estamos ante un claro cambio de ton que podería responder ao feito de que o público que coñecía o xogo orixinal xa é adulto, de aí que agora poida enfrontarse a unha historia máis explícita.
Aínda que son moitos os que agradecerán que este desenvolvemento non se cancelase despois de tantos anos, haberá que agardar para ver o que pensan os seareiros do xogo orixinal ao ver esta entrega tan espacial e desenfadada, que parece ter como principal nexo común a abundancia de animais antropomórficos entre os personaxes principais.

Tráiler de Beyond Good & Evil 2 estreado no E3

PUBLICIDADE