Bilbao acollerá o Primeiro Encontro de Gaymers, Boardgaymers e Frikicuriosos

xoves, 3 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O sector dos videoxogos é cada día máis amplo, de aí que xurdan grupos reivindicando a súa identidade no seu seo, e ao igual que hai xogadoras que queren salientar que as mozas tamén xogan, existen persoas do colectivo LGTB+ que tamén fan o propio, encadrándose normalmente baixo o alcume de gaymers, e no caso español parece que van conseguir certa visibilidade xa que o vindeiro 2 de abril van celebrar unha xornada en Bilbao que responde ao nome de I Encontro de Gaymers, Boardgaymer e Frikicuriosos, que nas redes sociais tecerá a súa conversa co cancelo #MaricCon2016.
Este evento convocado pola asociación e comunidade Gaymer.es consistirá nun espazo de xogo (videoxogos e xogos de mesa) que desenvolverase de 17:00 a 21:00 horas no Bilborock, estando aberto ao público, para facilitar así o networking entre individuos con intereses comúns, que tras o peche da ludoteca poderán despedir o encontro cunha ruta por locais de ambiente do casto vello de Bilbao.
O encontro promove o contacto presencial, fuxindo das cada vez máis populares aplicacións móbiles de citas (que dificultan coñecer realmente a outras persoas e a outros membros do colectivo LGTB+) e buscará reivindicar a súa temática a través dunha pequena exposición de videoxogos queer de desenvolvedores independentes, que traten dun xeito único as temáticas de identidade sexual. Tamén realizarase unha selección especial de xogos de mesa que fomenten a colaboración, comunicación e expresión dos xogadores.

PUBLICIDADE