Bionic Commando: Rearmed supera as 100.000 descargas

luns, 25 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Detalle da nova aparencia gráfica de Bionic Commando: Rearmed

En 1987 aparecía nos salóns recreativos o xogo de plataformas Bionic Commando que destacaba por non incorporar o botón de salto, senón que o seu protagonista tiña que facer uso dun brazo biónico alongable para desprazarse verticalmente (e mesmo para balancearse) acadando un éxito considerable que levou ao título a adaptarse a múltiples plataformas (entre as que estaban os clásicos ordenadores de 8 bits coma o Spectrum ou o Commodore 64). Agora, á espera de que saia un novo e espectacular xogo para as consolas de alta definición inspirado no clásico título de Capcom chegou un remake do videoxogo orixinal, que se pode adquirir coma descarga, e que responde ao nome de Bionic Commando: Rearmed.
Estariamos só ante un dos moitos lanzamentos que saen na PLAYSTATION Network ou no Bazar de Xbox LIVE se non fose porque en unha semana foi descargado por 130.000 usuarios, o que supón unhas vendas considerables para un xogo que só se vende coma descarga.
A boa saúde deste xogo podería ser un adianto do éxito que podería ter o novo xogo desta franquicia, que presenta uns gráficos tridimensionais, unha vista en terceira persoa e que nesta ocasión contará cun protagonista capaz de saltar, aínda que conservando o seu brazo biónico para balancearse para chegar aos lugares máis inaccesibles.


Trailer da versión renovada de Bionic Commando para a súa venda coma descarga

PUBLICIDADE