Blizzard anuncia o xogo móbil Diablo Immortal

venres, 2 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A grande festa das compañía de videoxogos Blizzard Entertainment, a BlizzCon, contou cunha grandísima sorpresa: o anuncio de Diablo Immortal, un xogo que estaría situado entre os eventos dos clásicos Diablo II e Diablo III, e que en breve estará dispoñible para Android, iPhone e iPad, levando esta saga de xogos de rol de acción multixogador masivo en liña a dispositivos móbiles.
Diablo Immortal desenvólvese nun momento no que a Pedra do Mundo está esnaquizada, pero os seus corruptos fragmentos aínda conteñen poder que os esbirros de Diablo esperan dominar para traer de volta ao Señor do Terror. Cada zona do xogo ten novos desafíos que superar e vellas caras coñecidas que saúdar, dende a pacífica cidade de Wortham até a selvática illa de Bilefen, pasando pola antiga Biblioteca de Zoltun Kulle.
O xogo permitirá formar grupos de xeito sinxelo e participar en eventos dinámicos por todo o mundo. Facilita crear un equipo con outros heroes nunha cruzada por acabar cos esbirros de Skarn, Heraldo do Terror, e conseguir poderosas recompensas. Pero o estar dispoñible en móbiles non é só permite xogar en calquera lugar, senón que tamén supón unha grande adaptación do control do xogo a unha interface táctil que permite manexar plenamente ao noso personaxe, de xeito que poderemos rematar con hordas de inimigos como se estivésemos empregando un mando ou un teclado e un rato.
En Diablo Immortal contaremos con 6 clases (bárbaro, monxe, mago, cruzado, cazador de demos e nigromante), numerosos inimigos (entre os que non faltarán algúns dos monstros emblemáticos de Diablo II), e todo un universo que a moitos xogadores resulta familiar, e do que pronto poderemos gozar no móbil, estando xa dispoñible a posibilidade de rexistrarnos en Google Play para recibir un aviso cando estea dispoñible para a súa descarga para Android.

Tráiler de Diablo Immortal

PUBLICIDADE