Blockchain.gal amosou en Santiago os detalles da revolucionaria tecnoloxía Lightning Network

venres, 22 de febreiro do 2019 Redacción

Blockchain.gal, comunidade galega centrada en divulgar os usos e vantaxes da nova tecnoloxía de cadea de bloques, celebrou este xoves 21 de febreiro, en Santiago, un relatorio sobre Lightning Network, a solución de adaptación e evolución das criptomoedas que abre un importante abano de posibilidades de pagos en diferentes contornas e situacións.
A cita comezou da man de Luis Miguel Louzao, membro da asociación Blockchain.gal, quen arrancou o seu relatorio facendo unha introdución das potencialidades de Lightning Network. Segundo fixo saber, LN é ante todo solución a todos os problemas de escalado, evolución e adaptación que se derivan do espallamento da moeda virtual e das complexidades que xorden das operacións de transferencia con este tipo de moedas.
LN, engadiu, constitúe unha solución de segunda capa que pon en xogo respostas relevantes para as conxestións sufridas pola Rede coa aparición deste tipo de actividade económica innovadora: cousas como unha notábel lentitude no procesamento das operacións ou as altas comisións que se cobran para realizar transaccións.
LN, para quen no o saiba, é un protocolo que funciona como unha capa alterna á Blockchain da criptomoeda, e que está chamado a posibilitar a creación de canles de pago alternas que se executarán directamente entre as partes interesadas, axilizando os tempos de execución das operacións. Na rede Lightning os pagos son inmediatos e non precisan confirmación dos bloques. Ademais, fai posíbel o envío de pagos miúdos sen risco de custodia. En liñas xerais, é quen de desconxestionar a rede blockchain.
Sobre a comunidade galega
Blockchain.gal é unha comunidade que ten como obxectivo divulgar os beneficios das tecnoloxías relacionadas coas redes blockchain e o seu impacto na sociedade. A actividade visíbel da asociación comezou en xaneiro do ano pasado en Compostela, na sede do CESGA, e logo estendeuse a outras cidades da nosa terra como por exemplo Vigo ou Coruña, desenvolvendo sesións técnicas e divulgativas sobre a dita tecnoloxía e as amplas posibilidades. Por contidos, os integrantes de Blockchain.gal adoitan ir alén do tecnolóxico, abordando tamén temáticas relacionadas con aspectos legais e fiscais (tendo en conta que a cadea de bloques están na orixe e no impulso das moedas virtuais).

PUBLICIDADE