Blusens presenta H91 e M90, dúas novas pantallas LCD panorámicas de alta definición

xoves, 18 de outubro do 2007 Raquel Noya

A empresa galega Blusens vén de anunciar a saída ó mercado de dous novos modelos de TV LED panorámicas con altofalantes frontais integrados, o H91 e o M90.
Ámbolos dous contan con euroconector duplo, teletexto, sleep timer, HD Ready e sintonizador de TDT e TV analóxica. Tamén posúen o sistema EPG (Electronic Program Guide) que permite que o espectador navegue, seleccione e descubra os contidos por tempo, título, canle ou xénero, a través do mando a distancia, dun teclado ou do teclado numérico do teléfono.
O modelo H91 ten un deseño extraplano, conta cunha pantalla TFT-LCD panorámica de 32 polgadas e esta preparado para ver sinais de HDTV (Televisión de Alta Definición). As súas dimensións son 79,5 x 10,5 x 55,5 cm (sen pé), o seu peso é de 16 quilogramos e a calidade de resolución chega ós 1366 x 768 píxeles con un tempo de resposta de 8MS. Por outra banda, o modelo M90 conta con múltiples entradas e saídas, incluíndo o euroconector SCART, véndese nos tamaños 20, 19 e 15 polgadas e a súa resolución é de 1240 x 768 píxeles.
Blusens H91 e M90 xa están dispoñibles en máis de 6.000 puntos de venta en toda España.

PUBLICIDADE