Blusens presenta a súa solución para achegar a Internet ao televisor

xoves, 4 de novembro do 2010 Redacción

Blusens, a multinacional tecnolóxica galega, presenta hoxe o web:tv, o seu novo dispositivo de Fogar Conectado que leva internet á túa televisión. O web:tv é tamén un avanzado reprodutor multimedia de alta definición que pode conectarse por rede ao teu ordenador, discos duros USB, routers… e reproducir múltiples formatos de vídeo, música e fotos. Incorpora un sintonizador TDT HD e conta con funcións avanzadas de timeshift e gravación de vídeo. Amais inclúe acceso ao videoclub en liña de Blusens TV, navegador web e aplicacións externas.
Cunhas dimensións super compactas (12 x 10 x 4 entímetros) web:tv transforma o televisor nun dispositivo de altas prestacións cun manexo sinxelo a través do mando a distancia incorporado, no que abondan 8 botóns para manexar todos os menús do trebello.

O web:tv aposta por un mando a distancia moi simple coma interface de control

Como dispositivo de Fogar Conectado, o web:tv conéctase á rede doméstica (por Wi-Fi, Ethernet ou PLC), a dispositivos USB e á Internet; e incorpora 2 portos USB para conectar discos duros externos USB cos que reproducir vídeo, música e fotos ou gravar programas da TDT.
O novo dispositivo de Blusens céntranse na web para integrar aplicacións externas e acceder a contidos, videoclubs online ou televisións por internet, incluíndo Blusens TV, gozando tamén de acceso directo ao videoclub en liña de Blusens, no que só é preciso o mando a distancia para alugar as nosas películas preferidas e velas directamente dende a web en streaming.
Tamén proporciona acceso a miles de canles de televisión por Internet que emiten en aberto, e adicionalmente incorpora un navegador web para acceder directamente ás nosas páxinas de web preferidas.
O Blusens web:tv complétase cun sintonizador de TDT de alta definición (para acceder á última tecnoloxía e aos contidos máis avanzados da televisión dixital terrestre) e co soporte de aplicacións externas (pequenos programas en liña que melloran a experiencia de usuario e aumentan as posibilidades do web:tv).
O Blusens web:tv estará dispoñible en máis de 6.000 puntos de venda e na tenda en liña Blusens Store a partir do 26 de novembro de 2010, a un prezo de 149 Euros.

O Blusens web:tv incrementa as posibilidades dos televisores con conectividade coa Internet, reprodución multimedia e sintonización e gravación da TDT de alta definición
O web:tv ten un tamaño moi compacto

PUBLICIDADE