Boeing e FIRST Scandinavia inauguran en Ourense a primeira Aula Newton permanente do eido estatal
martes, 19 de outubro do 2021
Boeing
e a organización noreguesa FIRST Scandinavia celebraron este 19 de
outubro a inauguración da Aula
Newton permanente na provincia de Ourense (Galicia), situada na
Tecnópole de San Cibrao das Viñas. Trátase da segunda vez que a
nosa terra acubilla unha iniciativa de formación STEM (Ciencia,
Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) destas características, logo
da Aula Newton habilitada en Lugo hai dous anos. Desta volta,
achegouse a novidade de habilitar un gran espazo de aprendizaxe
permanente, que acollerá a estudantes de entre 14 e 16 anos para
ofrecerlles, en palabras das dúas entidades, “unha experiencia de
aprendizaxe STEM de alta calidade”.
Á
inauguración asistiron, entre outros, dirixentes de Boeing e FIRST
Scandinavia, autoridades locais, profesores e estudantes, ademais do
vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde.
“É
un orgullo que Galicia sexa a primeira comunidade española en contar
cunha Aula Newton a tempo completo”, comentou Angela Natale,
directora xeral de Boeing para o Sur de Europa, engadindo que “grazas
á nosa colaboración coa Xunta de Galicia e ao apoio de FIRST
Scandinavia, e tras o éxito do programa hai dous anos, coa
instalación da Aula Newton portátil en Lugo, reafirmamos a nosa
colaboración con Galicia e os nosos socios locais, o que testemuña
o noso forte compromiso con España e as súas comunidades”.
Pola
súa banda, Stian Elstad, director xeral de FIRST Scandinavia, dixo
que “agardamos que o sector industrial e os estamentos
gobernamentais de toda España empresten atención á experiencia
Newton Galicia da Tecnópole, e que podamos aproveitar o seu éxito
para crear unha rede de Aulas Newton en todo o país”.
Pola
súa banda, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía,
Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, asegurou
que a posta en marcha en Tecnópole da primeira Aula Newton
permanente de España “espertará nos máis novos o interese por
actividades que terán unha gran demanda nun futuro próximo”. Así,
fixo referencia ao auxe do sector aeroespacial, “xa que foi no que
máis empresas se crearon durante a pandemia en Galicia”. E
engadiu: “Esta iniciativa vén acrecentar o compromiso deste parque
tecnolóxico coa divulgación científica, nun momento no que é
crucial educar na innovación e o emprendemento para estimular o
talento nas futuras xeracións”.
Pola
súa parte, Javier Taibo, director do parque tecnolóxico-empresarial,
dixo que “a Aula Newton sitúa a Tecnópole na vangarda da
educación moderna. Con ese obxectivo en mente construímos este
espazo permanente onde os estudantes de secundaria galegos terán a
oportunidade de vivir unha experiencia educativa incríbel e
asombrosa. O Parque Tecnolóxico de Galicia aumenta a súa oferta na
promoción de materias STEM cun enfoque especial nas mulleres novas.
Comezamos hai máis de 15 anos, coa creación da feira científica
Galiciencia, que reúne experimentos desenvolvidos por estudantes de
toda España, ou as nosas Aulas Tecnópole, onde estudantes de
primaria e secundaria desenvolven os seus proxectos científicos e
tecnolóxicos”.
Como
dixemos, a Aula Newton de Tecnópole é a primeira que se establece
de forma permanente en España, e trátase dun formato que cultivou
un gran éxito en Noruega, onde hai máis de 40 aulas permanentes.
“As Aulas Newton encaixan particularmente ben en zonas rurais, e
permiten que os estudantes perfeccionen as súas habilidades en
materias STEM baixo a supervisión de profesores especializados”,
explicouse este 19 de outubro.
O
apoio do Goberno galego a esta iniciativa enmárcase no programa
autonómico de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas Voando
alto, sumando vocacións, no que colabora Boeing, que á súa vez
tamén é socio industrial e tecnolóxico da Xunta no Polo
Aeroespacial de Galicia con proxectos como o de xestión e seguridade
do tráfico para espazos aéreos compartidos.