Boeing e GAIN desvelan ante 300 estudantes as posibilidades profesionais dos drons
mércores, 13 de novembro do 2019
Este
mércores o Aeródromo das Rozas (Castro de Rei, Lugo) acolleu a
inauguración das xornadas Drone Days, organizadas por Boeing co
obxectivo de achegar ao alumnado de secundario as máis que
relevantes posibilidades profesionais que se abren cos vehículos non
tripulados e todas as innovación tecnolóxicas que os acompañan. Na
cita participou a directora da axencia galega GAIN, Patricia Argerey.
As xornadas celebraranse no mesmo emprazamento lucense durante dez
días. Participan 300 alumnas e alumnos.
As
sesións Drone Days, que se celebran coa colaboración da Xunta, a
través de GAIN, tamén contaron coa presenza de Neves Seoane,
responsábel do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas
(CIAR), sede do evento. Nas xornadas, enmarcadas nas actividades de
fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial
de Galicia, Argerey lembrou que o obxectivo dos obradoiros é
“introducir aos estudantes, de xeito dinámico e entretido, no uso
e funcionalidades das tecnoloxías vinculadas aos drons e
familiarizalos coas súas aplicacións e uso”. Argerey
contextualizou esta actividade de divulgación nos compromisos
asinados entre a Xunta de Galicia e os seus socios no marco da Civil
UAVs Initiative co obxectivo de fomentar as vocacións
científico-tecnolóxicas entre a mocidade galega, en especial o
interese polas carreiras STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e
matemáticas) e o sector aeroespacial.
Asemade,
recordou amais dos Drone Days e das Aulas Newton, organizadas
conxuntamente con Boeing na provincia de Lugo, está previsto
celebrar outros obradoiros, charlas, concursos e visitas ao CIAR,
entre outras. O programa de vocacións científico-tecnolóxicas
pretende chegar a mais de 1.000 escolares, mais de 100 universitarios
e preto de 2.000 persoas interesadas neste segmento do sector
aeroespacial.
Alumnado de toda a provincia
- Patricia Argerey na inauguración das xornadas
Durante
dez días, estudantes de secundaria de Burela, Castro de Rei, Lugo,
Monforte e Xove, sobre todo de 2º e 3º da ESO, participarán en
sesións de cinco horas de duración. O aforo máximo é de 30
alumnos por xornada e as inscricións xa teñen o aforo completo. Ao
longo das sesións desenvolveranse diferentes obradoiros prácticos e
exercicios de simulación tanto de voo con drons como de realización
de mapas. Para iso, traballarase con imaxes e fotografías tomadas
dende vehículos aéreos non tripulados (UAVs).
Os
estudantes que participan na iniciativa traballarán en grupos de
cinco ou seis persoas empregando un ordenador portátil e unha
emisora de dron de simulación. Ao finalizar o obradoiro, realizarase
unha saída á plataforma do aeródromo para que os participantes
poidan observar voos reais de trebellos aéreos, con toma de imaxes e
exercicios prácticos.
Patricia
Argerey aproveitou para facer balance das Aulas Newton, unha
actividade que Boeing e First Scandinavia executaron en colaboración
co Concello de Lugo durante tres semanas e que remataron o domingo
pasado. Esta actividade, que pretende achegar as materias STEM a
alumnado de nove países europeos, acolleu centros de ensino de toda
a provincia (Castroverde, Chantada, Guitiriz, A Fonsagrada, Friol,
Lugo, A Pastoriza e Xove) durante doce días. En total, fixo saber,
339 estudantes tiveron acceso á Aula, o que, xunto co público
xeral, suma un total de preto de 1200 visitantes.