Bose prepara uns auriculares que poden funcionar como audiófonos avanzados

luns, 12 de decembro do 2016 Marcus Fernández

O fabricante de equipos de son Bose está a preparar unha presentación dos Bose Hearphones, uns auriculares que xa contan coa súa aplicación oficial na App Store, e que serían unha evolución dos auriculares sen fíos QuietControl 30, que contan cun sistema de cancelación de ruído regulable (ou sexa, que podemos elixir a cantidade de ruído exterior que queremos recibir), levando esta tecnoloxía máis aló, até convertela nun sistema de asistencia auditiva, xa que os novos auriculares poderán empregarse a xeito de audiófonos, facilitando a escoita de conversas, podendo incluso enfocar a escoita para evitar as distraccións en contornos ruidosos.

Estes auriculares ofrecerían unha boa experiencia para a reprodución musical, pero as súas funcións avanzadas acadadas ao combinar micrófonos direccionais e cancelación de ruído activa permite axustar o que se quere escoitar do mundo real, o que pode ser práctico para atender nunha conversa nun local público, pero tamén sería ideal para empregar no fogar para, por exemplo, poder escoitar a televisión a un volume máis elevado do normal sen molestar aos que teñamos ao redor.

Bose Hear é a aplicación que permite realizar numerosos axustes para os Bose Headphones

A aplicación que xestiona estes auriculares xa inclúe diferentes preconfiguracións para que sexa doado seleccionar o modo que facilite participar nunha conversa, escoitar a televisión, acudir á consulta do médico ou facer exercicio no ximnasio, de xeito que non haberá que xogar cos numerosos parámetros que permite axustar este revolucionario accesorio para poder tirar proveito do mesmo. Polo momento non se coñece a data de lanzamento nin o prezo, pero previsiblemente non será barato, xa que os auriculares Bose QuietControl 30 teñen un prezo de 299,95 euros, e este novo produto é bastante máis avanzado.

PUBLICIDADE