Bourne na consola: cada vez máis preto

luns, 12 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Do personaxe de ficción coñecido como Bourne, aquel que se vía envolto en enleadas de espionaxe internacional e co agravante de ter menos memoria ca un peixe acabado de nacer, téñense feito varios filmes de desigual fortuna (as mellores son posiblemente as dúas que teñen a Matt Damon de protagonista). Agora, semella que están de sorte tanto os seareiros que devecen por fuxir do traballo para meterse no cine e imaxinar que son espías coma os que contan os minutos para encirrarse na casa coas amizades arredor dunha consola. Por unha banda, xa está confirmado que en agosto haberá nova película de Bourne (The Bourne Ultimatum) e, pola outra, medra o nivel de ruxerruxe sobre un videoxogo de acción baseado nas aventuras do sufrido desmemoriado.
Respecto ó xogo, semella que se vai centrar nunha colleita das mellores escenas da película, aínda a casa Vivendi Universal non confirmou se o actor Matt Damon vai achegar a súa voz. O que si que se sabe é que o videoxogo, se nada o impide, abranguerá os argumentos da triloxía no cinema.

PUBLICIDADE