Bq lanza o primeiro smartphone español con Android One

xoves, 17 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Hoxe o fabricante español Bq presentou un novo produto no seu catálogo, que sería o primeiro teléfono comercializado en España dentro do programa Android One, o que garante non só que conte cunha versión pura de Android 5.1.1, senón tamén rápidas actualizacións de software e un soporte a longo prazo (un mínimo de 24 meses) que podería compararse á familia Nexus e, de feito, os teléfonos Android One están considerados como a gama baixa dos Nexus.
Temos así que dende hoxe pode mercarse unha versión do Aquaris A4.5 con Android One a un prezo de 169,90 euros, ou sexa, que a garantía de actualizacións do software do terminal incrementaría o seu prezo en 10 euros, quedando en mans dos consumidor elixir se paga esta cantidade adicional por un terminal que xa ten un hardware algo vello e que por ese mesmo prezo ten no mercado varios terminais bastante superiores e con certas garantías de actualización (como os smartphones de gama media-baixa de Motorola).

O novo teléfono véndese en cor branca ou negra

O novo teléfono 4G conta cun procesador MediaTek MT6735M, 1 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 64 GB), pantalla IPS cunha resolución de 960 x 540 píxeles, cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, dobre SIM, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, radio FM e batería de 2.470 mAh. O seu grosor é de 8,75 milímetros e o seu peso de 115 gramos.
Groso modo poderiamos dicir que estariamos ante un equivalente ao Moto E de segunda xeración (coa diferenza principal de que o teléfono de Motorola ten só 8 GB de almacenamento interno) que pode atoparse en tendas a 109,90 euros, facendo que o produto de Bq pareza só apto para usuarios que queren un terminal coa experiencia de Android máis pura posible.

PUBLICIDADE