Brave, o navegador web que prioriza a privacidade, estrea versión 1.0

mércores, 13 de novembro do 2019 Marcus Fernández

O navegador web Brave, creado para manter un alto nivel de seguridade e control da privacidade do usuario, chega finalmente á súa versión 1.0, fito co que busca achegarse a un maior número de usuarios (na súa beta o navegador achegouse aos 8,7 millóns de usuarios mensuais activos) de ordenadores persoais e dispositivos móbiles con iOS e Android, aos que ofrece protección fronte aos abusos de numerosos rastrexadores que seguen os nosos pasos durante a navegación pola Rede, así como da publicidade intrusiva.
Brave é un navegador web moderno, de xeito que os usuarios non terán problemas para acceder á meirande parte das páxinas web con el, poden gozar de funcionalidades como o bloqueo de publicidade, control das cookies, bloqueo de scripts, contramedidas para o seguimento do usuario, a posibilidade de configurar o nivel de seguridade de xeito distinto para cada páxina web, controlar a reprodución automática de contidos multimedia e moitas outras medidas que non só manteñen os datos do usuario máis protexidos, senón que tamén tradúcese nunha velocidade de carga superior á dos navegadores web máis empregados.
A utilización de Brave está recomendada para usuarios celosos da súa privacidade, e unha vez que esta aplicación madurou, os usuarios poderán optar pola mesma sabendo que van poder gozar da meirande parte das funcionalidades presentes noutros navegadores, como o completado automático de formularios ou a sincronización entre dispositivos.

PUBLICIDADE