Bricolabs celebra hoxe un obradoiro sobre a ferramenta de seguridade GPG

venres, 12 de xullo do 2019 Redacción

Hoxe a asociación Bricolabs celebra un obradoiro sobre GPG ao abeiro do programa de actividades de OSHWDem 2019 e, máis en concreto, do programa de sesións Entre Tuxes. O obradoiro deste venres, que se desenvolve en horario de 18.30 a 20.00 horas e será impartido por Rafa Couto, é unha actividade formativa aberta e para usuarios de todos os niveis de coñecemento. A cita será no Espazo Maker de Bricolabs, no Domus – Casa do Home da Coruña.
Para quen non o saiba, GPG (GNU Privacy Guard) é a ferramenta de seguridade de software libre que emprega os algoritmos máis avanzados para cifrar e asinar información a protexer. GPG marca diferenzas con respecto a outras ferramentas porque o código fonte do seu programa, que é aberto, é susceptíbel de ser mellorado ou adaptado ás necesidades concretas dunha contorna. Ademais, en relación á seguridade dos nosos datos, non existen intereses corporativos complexos de determinar nin, en palabras dos seus impulsores, “portas abertas” que poidan comprometer o axeitado nivel de protección.
No obradoiro explicaranse os conceptos do cifrado asimétrico (de chave dupla: pública e privada) e a autenticación descentralizada e distribuída. Levaranse á práctica exemplos prácticos de xeración e intercambio de chaves, cifrado, sinatura de mensaxes e mantemento dos aneis públicos de confianza.

PUBLICIDADE