Brutal censura dun xogo de loita en Malaisia

venres, 8 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos anos non foron poucos os xogos de loita coa participación de figuras relixiosas, estando estes días de actualidade o título independente Fight of Gods, actualmente dispoñible mediante acceso anticipado en Steam, e que consiste nun típico xogo de loita en dúas dimensións de 1 contra 1 (no máis puro estilo dos Street Fighter) que destaca polo seu cadro de loitadores: Amaterasu, Anubis, Atenea, Buda, Guan Gong, Xesús, Moisés, Odín, Sif e Zeus.
Dende países occidentais é normal ver este tipo de producións dun xeito inocente, pero en Malaisia non ven do mesmo xeito esta creación de Digital Crafter e decidiron censurar o xogo, ao parecer, pola representación de Xesús e Moisés (considerados como profetas para o pobo musulmán) de xeito que considerarían o xogo unha blasfemia, pero dado que estamos ante un xogo con distribución dixital non podían retiralo das tendas, polo que optaron por unha media completamente desproporcionada: bloquear o acceso á tenda dixital de videoxogos Steam dende Malaisia (a través dalgúns operadores de telecomunicacións).
Ante tal situación os responsables de Steam contactaron coas autoridades do país e cos desenvolvedores do xogo, para facilitar así a retirada nese mercado de Fight of Gods sen que iso supoña o bloqueo da principal plataforma de venda de videoxogos para PC a nivel mundial.

Tráiler de Fight of Gods

PUBLICIDADE